Arde case por completo unha vivenda en Sarria e un raio cae nunha casa en Castro de Rei

Publicado por o día 05/09/2018 na sección de Sucesos

Arde case por completo unha vivenda en Sarria e un raio cae nunha casa en Castro de Rei

Unha vivenda en Sarria resultou practicamente calcinada a causa dun incendio que comezou nun costado da casa, onde se situaban as cuadras. Por fortuna, ninguén resultou ferido, pese a que a vivenda estaba ocupada no momento de producirse o incendio. Tampouco os animais sufriron danos e os servizos de extinción advirten que a casa pode fumegar aínda durante unhas horas debido á carga térmica alcanzada.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás dúas desta madrugada a través da chamada de alerta dun veciño para pedir axuda para a extinción dun incendio que empezou na parte esquerda da casa situada no lugar de Padriñán. Así, desde o 112, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Sarria que apagaron o lume preto das sete da mañá. As consecuencias: un 70 por cento da casa calcinada sen que se rexistrasen danos persoais.


Tamén na provincia de Lugo, concretamente no concello de Castro de Rei, un raio provocou un pequeno conato que afectou a unha mesa e uns libros na parte baixa dunha vivenda do Mosteiro Vello. Segundo consta no 112, o lume produciuse ás tres da madrugada, pero bastou pechar a porta da estancia para sufocar as chamas sen maiores consecuencias.

Incendio nunha taberna en Campo Lameiro
Os de Sarria e Castro de Rei non foron os únicos incendios rexistrados durante esta noite en Galicia. O 112 tivo coñecemento doutro lume na cociña dunha taberna situada no lugar do Couso, no concello pontevedrés de Campo Lameiro. Foi un veciño quen deu a voz de alarma ás 23:40 horas de onte mediante unha chamada ao 112. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros do Salnés e Pontevedra, así como dos membros do GES da Estrada.

Finalmente, as chamas afectaron á cociña da taberna sen que se rexistrasen danos persoais.

Por último, indicar que na Coruña, concretamente en Aranga, arderon rolos de herba seca a causa dun incendio declarado nunha palleira en Silvarredonda.