A provincia de Pontevedra ameazada e pasto polos lumes | #ArdeGaliza

Galiza está a sufrir nas últimas horas unha elevada actividade incendiaria, con clara intencionalidade e virulencia, de forma que se rexistraron ata 80 incendios no noso país desde o día de onte
Publicado por o día 15/10/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Sucesos

A provincia de Pontevedra ameazada e pasto polos lumes | #ArdeGaliza

Galiza está a sufrir nas últimas horas unha elevada actividade incendiaria, con clara intencionalidade e virulencia, de forma que se rexistraron ata 80 incendios no noso país desde o día de onte. Ademais, hai incendios en Portugal que están preto da fronteira con Galiza e que obrigan aos medios da nosa comunidade a multiplicar os seus esforzos para evitar que nos afecten. Xunto co reforzo dos traballos de extinción, estase a intensificar a vixilancia policial nos diferentes puntos, para atallar a actividade incendiaria.

Só desde as 12,00 horas deste domingo houbo un total de 25 lumes, que se suman aos 55 contabilizados onte. A Xunta e o Goberno Central están a mobilizar unha inxente cantidade de medios humanos e materiais para facerlle fronte. Así, traballan arestora na loita contra os incendios unhas 350 brigadas, 220 motobombas, 40 pas e unha vintena de medios aéreos. Ademais, nas tarefas de extinción colaboran uns 160 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), apoiados con 18 autobombas e 6 nodrizas. En camiño veñen outros 100 efectivos. Ademais, están mobilizados efectivos da Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local e Protección Civil.

Os lumes nos que se está a centrar o traballo dos medios antiincendios son os seguintes:

Situación 2

Arestora está decretada a Situación 2, como medida preventiva, por proximidade do lume a núcleos de poboación, nos incendios de Ponteareas-Padróns (Pontevedra), Cervantes-Donís (Lugo) e San Cristovo de Cea-Oseira (Ourense). Por esta circunstancia, estánse a centrar os esforzos dos medios de extinción nestes incendios.

Así, no lume de Ponteareas, que afecta unhas 1.500 hectáreas e chegou tamén aos termos municipais de Redondela e Pazos de Borbén, levan traballado 2 técnicos, 4 axentes, 13 brigadas, 15 motobombas, 6 pas, 3 helicópteros e 3 avións. Ata a zona desprazouse a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, co fin de supervisar e coordinar os labores de extinción. Desde o Posto de Mando Avanzado, a conselleira agradeceu o traballo de todas as persoas que están despregadas para facer fronte aos lumes que se están a rexistrar en Galicia e puxo de manifesto a elevada actividade incendiaria nas últimas horas, con máis de 80 lumes desde onte. Explicou ademais que a prioridade para os medios de extinción é protexer a integridade das persoas, a continuación dos bens non forestais e, en terceiro lugar, o propio monte.

Ángeles Vázquez fixo tamén unha chamada á reflexión de toda a sociedade, para mobilizarse contra a actividade delituosa incendiaria que, dixo, nos últimos días afectou espazos como os parques naturais e nas últimas estase cebando na zona de Ponteareas, con varios focos simultáneos e de madrugada que obrigan aos medios de extinción a facer un esforzo suplementario.

Outro elemento que está a dificultar as tarefas de extinción é a proximidade de lumes procedentes de Portugal, cunha gran virulencia, que obrigan aos medios de Galicia a intervir para frear o seu avance en territorio galego.

Para facer fronte ao lume de Cervantes-Donís mobilizáronse 12 axentes, 39 brigadas, 15 motobombas, 2 pas, 13 helicópteros e 2 avións. No caso de San Cristovo de Cea-Oseira levan traballado 1 técnico, 2 axentes, 3 brigadas, 3 motobombas, 1 helicóptero e 1 avión.

Ademais destes lumes, que son os que máis preocupan e nos que foi preciso decretar a Situación 2, en Galicia están activos arestora, e superan as 20 hectáreas de afectación, os seguintes incendios: Na Coruña, o de Boiro-Cures; en Lugo, Friol-Xía, Cervantes-Cereixido, Cervantes-Noceda, Paradela-Paradela, Samos-Renche, Antas de Ulla-Areas e Triacastela-Triacastela; en Ourense, Piñor-Coiras e en Pontevedra, Gondomar-Morgadáns. Nas últimas horas quedaron controlados ou estabilizados unha decena de lumes de máis de 20 hectáreas na nosa comunidade e foron extinguidos outros 5, pero o número total de rexistros, dende onte, supera os 80.