Arde un cuberto próximo a unha vivenda en Gondomar sen causar danos persoais

Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Sucesos

Arde un cuberto próximo a unha vivenda en Gondomar sen causar danos persoais

Un incendio calcinou por completo un galpón situado nas proximidades dunha vivenda no lugar da Portela, no concello de Gondomar, en Pontevedra.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de extinción que acudiron ao lugar dos feitos, as lapas consumiron o cuberto na súa totalidade, posiblemente, a causa dun curtocircuíto.

O Centro Integrado de Emerxencias de Galicia tivo constancia do incidente ás tres horas desta madrugada. Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 para solicitar medios de extinción para un incendio que afectara un alpendre de almacenaxe de madeira. Pola proximidade coa vivenda e debido a tratarse dunha superficie duns cincuenta metros cadrados, era necesaria a inmediata intervención dos servizos de emerxencia.

Dese xeito, desde o 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos Bombeiros do Porriño, dos membros do GES de Val Miñor e dos axentes da Garda Civil.

Igualmente, pasouse aviso aos Bombeiros de Vigo e tamén aos efectivos de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.

Os equipos de intervención traballaron arreo durante varias horas para completar as tarefas de extinción e, aínda que o lume puido controlarse por volta das seis horas desta madrugada, os traballos de arrefriamento da zona e remoción do entullo se prolongaron ata as primeiras horas desta mañá.

Incendio na cociña dun establecemento en Ames

Por outra banda, un incendio na cociña dun restaurante en Ames obrigou a intervir aos servizos de emerxencia tamén na madrugada de hoxe. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

Os feitos tiveron lugar ás 04:30 horas, á altura do número 10 da Avenida Peregrino en Bertamiráns. A esa hora, unha persoa particular púxose en contacto co 112 Galicia para informar dun lume nun establecemento comercial na parroquia de Ortoño.

Unha vez avisados polo 112, ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Boiro e os membros do GES de Brión para atallar as lapas.

Tras finalizar a intervención, os efectivos de emerxencia confirmaron aos xestores do 112 que a cociña viuse afectada polo fume pero que a estrutura do inmoble non foi comprometida.

Compre sinalar que desde o 112 tamén pasouse aviso aos Bombeiros de Santiago, aos axentes da Garda Civil, da Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.