Arde un garaxe dunha casa con diversos utensilios e ferramentas no seu interior en Vilanova de Arousa

Publicado por o día 14/05/2018 na sección de Sucesos

Arde un garaxe dunha casa con diversos utensilios e ferramentas no seu interior en Vilanova de Arousa

Un incendio nun garaxe particular mobilizou esta madrugada aos servizos de emerxencia. O galpón pegado á vivenda e que os seus donos utilizaban como garaxe,  ardeu case por completo ademais de ferramentas e outros utensilios que había no seu interior. Sen embargo, un coche estacionado no lugar, puidérono retirar a tempo sen que se vise afectado polas chamas.

Ao fío das 04:45 horas, os servizos sanitarios de urxencia comunicaban ao 112 Galicia que desprazaban –por precaución- unha ambulancia para unha casa no lugar de Cálago por mor dun incendio nun garaxe pegado a unha casa, na que residía unha persoa encamada. Afortunadamente, o lume só afectou ao galpón e ningún residente da vivenda precisou asistencia sanitaria.


Nada mais recibir o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia alertouse aos Bombeiros de Vilagarcía que decontado se desprazaron ao punto. Tamén, a Garda Civil e os efectivos de Protección Civil da localidade se dirixiron ao lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia.

Incendio en Mos
Tamén, por outra banda, un lume calcinou un soto dunha vivenda da Rúa González Ballesta, na localidade pontevedresa de Mos. Segundo indicaron os servizos de emerxencia que traballaron na extinción, ardeu o galpón case por completo sen que se puidesen salvar as galiñas e coellos que había no seu interior.

Nas tarefas de extinción participaron ademais dos Bombeiros de Baixo Miño, os axentes da Garda Civil e os efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, tras ser alertados polo 112 Galicia nada mais recibir o aviso do propietario da vivenda, ao fío das 05:30 horas desta madrugada.

Fume nun edificio en Sada
En Sada, sobre as 21:00 horas deste domingo, o CIAE era alertado por un particular de moito fume nas escadas dun edificio da rúa de Pontedeume, no número 9. Tratouse dunha pota que quedou ao lume e provocou moito fume na vivenda,  incluso nas escadas de todo o edificio. Segundo comunicaron os efectivos de Protección Civil ao 112 Galicia, non se chegou a producir incendio, iso si o inquilino da vivenda aínda que non chegou a ser trasladado tivo que ser atendido na ambulancia que os servizos sanitarios desprazaron ao punto, por inhalación do fume provocado.

Ademais do persoal sanitario e dos Bombeiros de Betanzos, a intervención da Policía Local e de Protección Civil de Sada tamén foi requirida polo 112 Galicia.