Arden dous almacéns de herba seca en senllos concellos de Lalín e Silleda

Publicado por o día 05/08/2020 na sección de Galicia,Lalín,Silleda,Sucesos

Arden dous almacéns de herba seca en senllos concellos de Lalín e Silleda

Os efectivos de extinción traballan arestora na extinción dun incendio declarado nun almacén de herba seca situado na parroquia de Cangas, en Lalín.

Segundo informan os equipos que están na zona, o lume está controlado e, por fortuna, ninguén resultou afectado. Tampouco os animais que se gardaban no lugar.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 4:15 horas desta madrugada mediante a chamada de alerta dunha persoa particular, o que permitiu poñer en marcha o operativo no que están a participar os Bombeiros do Deza, así como os membros do GES de Lalín e o persoal do Distrito Forestal da zona.

Sen embargo, non foi o único incendio destas características do que tivo coñecemento o 112 Galicia. Onte á tarde, en Silleda, outro almacén de herba seca resultou afectado por outro lume que converteu en cinza todo o contido e respectou a estrutura.

Ocorreu na parroquia de Fiestras e mantívose activo durante horas. De feito, os equipos de extinción remataron o seu traballo preto da medianoite despois de estar toda a tarde traballando na zona.

Como no caso anterior, o operativo estivo formado polos Bombeiros do Deza, membros do Distrito Forestal e membros do GES de Lalín.

Comentar noticia

Your email address will not be published.