Arden tres vehículos en dous incendios rexistrados en Mos e Salvaterra de Miño

Publicado por o día 15/07/2020 na sección de Galicia,Mos,Sucesos

Arden tres vehículos en dous incendios rexistrados en Mos e Salvaterra de Miño

Tres vehículos arderon en dous incendios, dos cales un continúa activo en Salvaterra de Miño.

Trátase de dúas incidencias rexistradas no 112 Galicia ás sete desta mañá e ás tres da madrugada, como é o caso do lume sufocado en Mos, onde resultaron calcinados unha furgoneta e un coche estacionados a carón dun pendello destinado ao coidado dos animais. Por fortuna neste caso, os animais puideron salvarse, iso si, o alboio sufriu bastantes danos.

Con todo, en ningún dos dous casos houbo que lamentar vítimas e o total das perdas materiais coñecerase en canto os Bombeiros e GES de Ponteareas extingan por completo o lume aínda activo no lugar da Fraga do Rei, en Salvaterra do Miño. Desde alí, chamou ao 112 Galicia un veciño que pediu medios para sufocar un incendio nun coche gardado nun alboio, próximo a unha vivenda.

No lugar continúan traballando os bombeiros coa colaboración dos axentes da Garda Civil.

En canto ao incendio de Mos, no que resultaron danados unha furgoneta e un coche, finalizou ás 4:30 da madrugada, tal e como indicaron os Bombeiros do Baixo Miño, que participaron, xunto cos membros do Servizo Local de Emerxencias, na extinción do lume orixinado, posiblemente, nun dos vehículos.

Tamén neste caso, a alerta activouse tras a chamada dun veciño desde o Camiño da Pedreira. Decontado, púxose en marcha o operativo que completaron os axentes da Garda Civil.

Comentar noticia

Your email address will not be published.