Arden varios electrodomésticos nunha vivenda de Santiago sen causar feridos

Publicado por o día 21/02/2018 na sección de Sucesos

Arden varios electrodomésticos nunha vivenda de Santiago sen causar feridos

Un incendio declarado no interior dunha vivenda en Santiago calcinou varios electrodomésticos sen causar danos persoais.

Sucedeu ás 2:45 horas desta madrugada nun apartamento situado na Rúa Madrid, a altura do número 15. No momento de producirse o lume, os ocupantes da vivenda abandonaron o inmoble, polo que non houbo que lamentar danos persoais.

Sen embargo, por mor do incendio estragáronse varios electrodomésticos instalados nun cuarto lindeiro coa cociña.

Segundo explicaron os afectados ao 112 Galicia, o lume comezou nun quentador de auga e acabou por propagarse a unha lavadora e unha neveira.

Tras recibir a chamada de alerta, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informaron aos bombeiros de Santiago e aos axentes de seguridade local.

Incendio nun hotel abandonado

Por outra banda, en Poio, ardeu un cuarto dun hotel abandonado tamén sen causar danos persoais.

Pese a que o inmoble é frecuentado por algunhas persoas, ninguén resultou afectado, pero si se rexistraron danos nun cuarto no que se almacenaban colchóns e outros enseres.

O hotel está situado na Avenida Andurique, a carón do Sanatorio da Merced, aínda que o lume quedou confinado ao cuarto danado.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o incendio rexistrouse ás 20:20 horas de onte e ao lugar acudiron os membros do GES de Sanxenxo e os bombeiros de Ribadumia e tamén foron informados os efectivos do parque pontevedrés.

Perde a vida unha muller e outra persoa resultou ferida a causa dun sinistro na A-54, en Guntín

Unha muller faleceu e home resultou ferido tras producirse un accidente de tráfico no punto quilométrico 20 da A-54, ao paso polo concello lucense de Guntín.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro rexistrouse ás 21:00 horas de onte cando un vehículo sen carné, ao parecer parado na autovía, foi golpeado por outro que tamén circulaba polo carril en sentido a Lugo.

No interior do vehículo sen carné viaxaban dúas persoas, un home e unha muller, que, finalmente, resultou falecida. O home necesitou igualmente asistencia médica, aínda que o seu estado de saúde non revestía gravidade.

Ademais, os servizos de emerxencias sinalaron que as vítimas do accidente estaban liberadas e accesibles, pese ao estado no que quedou o vehículo, visiblemente danado.

A máis dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que enviaron unha UVI móbil ao punto, participaron no operativo os membros do GES de Monterroso e os axentes da Garda Civil de Tráfico alertados polo 112 Galicia.