A área de educación de Esquerda Unida denuncia a marxinación das ensinanzas artísticas superiores das axudas da Xunta á matrícula en másters universitarios

EU esixe a modificación da orde e a inclusión dos estudos de ensinanzas artísticas dentro do Sistema Universitario Galego
Publicado por o día 07/10/2016 na sección de Esquerda Unida,Política,Vigo

A área de educación de Esquerda Unida denuncia a marxinación das ensinanzas artísticas superiores das axudas da Xunta á matrícula en másters universitarios

Compostela, 3 de outubro de 2016. Con data 15 de setembro de 2016 vén de publicarse no DOG a “ORDE do 1 de setembro de 2016 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas para a matrícula nun máster universitario oficial, destinadas a titulados/as universitarios/as en situación de desemprego, para o curso 2016/17” que marxina ao alumnado das ensinanzas astísticas superiores ao excluílos das axudas convocadas. A Área de Educación de EU esixe á Xunta a inmediata modificación desta orde de xeito que se inclúa na mesma ao alumnado das ensinanzas artísticas.

Para Esquerda Unida a exclusión da presente convocatoria de axudas é un máis dos inconvintes que para o alumnado das ensinanzas artísticas ten a non inclusión das mesmas no sistema de educación superior galego; entre estes inconvintes destacan  a non convalidación dos seus estudos fóra de España, ter restrinxido o acceso a becas de grao, problemas de intercambio e mobilidade a nivel europeo ou excluisión do alumnado da participación na vida dos centros.

Para a Área de Educación é incongruente o feito de que unhas ensinanzas que levan á obtención dunha titulación equivalente a todos os efectos cun título universitario de grao se impartan en centros que se rixen pola normativa dos institutos de educación secundaria, convertendo aos estudantes en alumnado de ensinanzas medias, non universitarias. EU considera que existe, a día de hoxe, un consenso practicamente unánime entre os profesionais e os estudantes ao respecto da consideración da situación na que se atopan as ensinanzas artísticas superiores: esta é absolutamente insostible tras anos de falta de interese, menosprezo e indolencia por parte da Administración.

Dende Esquerda Unida exiximos unha vez máis da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a posta en marcha dun proceso que lles permita aos centros que imparten ensinanzas artísticas superiores, e que así o soliciten, a posibilidade de adscribirse á universidade sen máis demora e que igualmente se desenvolvan as liñas de traballo precisas para lograr unha integración plena dos centros e das súas ensinanzas no Espazo Europeo da Educación Superior, cos mesmos estándares de organización e funcionamento das universidades.