Área de educación de Esquerda Unida Vigo envía requirimento ao xefe territorial de Pontevedra exisindo que á proximidade prime na asignación de institutos

Por o 29/09/2016 | Sección: Esquerda Unida,Vigo

A polémica xurdiu cando o Xefe Territorial decidiu de xeito unilateral mudar o criterio de asignación de centros o curso pasado, o que obrigou a que varios colexios da cidade de Vigo perderan o seu Instituto de referencia. Así, varios colexios deixaron de estar adscritos ao IES Alexandre Bóveda e foron asignados a Valladares ou Beade sitos a 10km.

A Federación Olívica de Nais e Pais de Vigo (FOANPAS) denunciou que houbo familias que viron como se separaba a irmáns en distintos centros e como tiñan que depender do transporte para ir a clase, polo que pediron en sucesivas xuntanzas un estudo sobre unha nova zonificación baseado no criterio de proximidade.

A Área de Educación de Esquerda Unida convidou a FOANPAS a explicar a problemática e decidiu apoiar de xeito contundente as reivindicacións das familias. “Trátase dunha reivindicación de sentido común: só piden que os rapaces e rapazas poidan estudar preto da casa. Hai Institutos públicos, pero reservan prazas para os que veñen da concertada, unha decisión política e ideolóxica”, denuncia Daniel García, Coordinador da Área. Alén de acudir ás manifestacións que convocou FOANPAS, Esquerda Unida decidiu enviar un requirimento escrito ao Xefe Territorial pedindo un estudo rigoroso, que prime o criterio de proximidade como pide FOANPAS e que se o peche de liñas ou a falta de contratación de profesorado dos últimos anos o impiden, a Xefatura esixa á Consellaría unha inmediata reversión da situación.

Noticias de última hora en Vigo