A área sanitaria de Vigo bate o récord de intevencións cirúrxicas realizadas e reduce as listas de espera

Os profesionais do Chuvi superaron a barreira das 36.000 operacións totais, e diminúese o tempo medio de espera cirúrxica en máis de cinco días
Publicado por o día 28/01/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo bate o récord de intevencións cirúrxicas realizadas e reduce as listas de espera

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo acadou o pasado ano unha cifra de actividade cirúrxica histórica ao superar a barreira das 36.000 intervencións totais. En concreto, os profesionais efectuaron 36.430 operacións, 1249 máis que o ano anterior (un 3,5 por cento). Esta cifra contribúe a que a EOXI de Vigo continúe mellorando os resultados das demoras medias das súas listas de espera. Así, segundo segundo revelan os datos oficiais feitos públicos hoxe polo Servizo Galego de Saúde, por primeira vez no último lustro o CHUVI situou o tempo de espera medio para unha
intervención cirúrxica por embaixo dos tres meses, e o de espera para consulta externa en menos de dous meses .

A 31 de decembro do 2017, a demora media global para operarse no Complexo vigués é de 88.6 días, 5,8 menos que o pasado ano (un 6%); mentres que a demora media para as consultas externas é de 53. 6 días, 5,5 xornadas menos que no 2017 (un 9,4%).

No referido ao número de pacientes que esperan para pasar polos quirófano do Chuvi, este tamén decreceu un 3,7% (286 menos) ao pasar do 7628 aos 7342 actuais. Os pacientes que esperan para ser atendidos polos especialistas nunha consulta externa son 37.510, cifra similar ao do exercicio anterior.

Prioridades cirúrxicas e Vías rápidas en consultas

Estes indicadores representan medias globais, e hai que lembrar que o Sergas ten establecidos circuítos asistenciais específicos para garantir a accesibilidade ao sistema sanitario a aqueles pacientes que requiren dunha actuación máis áxil por presentar patoloxías máis graves ou con sospeita de gravidade.

Así, a demora media actual para as intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 no Chuvi é de 24.3 días, garantindo o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, establecido en 30 días.

En canto ás consultas externas, a EOXI de Vigo ten en marcha sete Vías Rápidas de Atención: Colon, Mama, Melanoma, Pulmón, Cabeza e Colo, Próstata e Vexiga. O obxectivo é garantir aos pacientes con sospeita de cancro, a axilización da atención ao seu proceso, procurando que o tempo que transcorra desde o diagnóstico de sospeita ata a primeira actividade terapéutica sexa moi reducido, por embaixo dos 15 días. A día de hoxe, o CHUVI presenta unha demora media xeral de 3,9 días para estas vías.

O xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial explica que “como balance xeral, continuamos na liña de evolución positiva dos dous últimos anos, e pouco a pouco imos conseguindo equiparar as nosas demoras coas globais do Sergas. Estes resultados son posibles grazas á nova estrutura, organización, incremento de recursos e, por suposto, ao traballo dos profesionais. Isto é, a reordenación sanitaria da área ten demostrado uns beneficios asistenciais incuestionables, pero aínda temos marxe de crecemento e potencialidade, polo que seguiremos traballando nesa liña”-.

Neste senso, Rubial cuantificou o indicador óptimo a acadar no 2018 e dixo que “o obxectivo de cara a finais deste ano ten que ser reducir un 10% os datos actuais. De feito, unha das principais prioridades do Plan Estratéxico que estamos a desenvolver é a diminución da listas de espera e nese obxectivo irrenunciable estamos comprometidos todos, tanto os profesionais como a dirección”-.

Eficacia do Plan específico de Traumatoloxía

Tras unha análise comparativa dos resultados obtidos polos diferentes servizos, cómpre subliñar que 7 das 13 especialidades cirúrxicas presentan unha demora media por debaixo dos 65 días, o que os sitúa no tempo medio de espera global dos hospitais do Sergas. Os servizos con menos espera son Cirurxía Torácica (24,4 días), Neurocirurxía (42,6) e Uroloxía (45,6).

Traumatoloxía continúa sendo o servizo con maior impacto na lista global. Do total dos pacientes que esperan unha intervención na área viguesa, o 37.4% son de traumatoloxía. Sen embargo, cómpre subliñar que este servizo conseguiu rebaixar en 18 días a súa demora media (agora está en 124,3 días) con respecto ao pasado ano.

Este avance foi posible grazas a posta en marcha e desenvolvemento dun Plan específico para esta especialidade, que pivota en dous piares: incremento de actividade a través dun programa de cirurxías programadas en xornada de tarde, e aumento progresivo da complexidade das cirurxías realizadas no Meixoeiro, fundamentalmente na área da ortopedia, en patoloxías de xeonllo.

“Grazas a este Plan, o servizo de traumatoloxía efectuou 433 cirurxías máis que o ano anterior, que representan un 11,7% máis de actividade, pasando de 3681 a 4114 operacións. Estes resultados avalan a eficacia das medidas adoptadas, polo que seguiremos desenvolvendo o PlanTrauma, para seguir mellorando os indicadores destaespecialidade”-dixo Rubial.

Baixada espectacular das esperas de máis de 6 meses

Por tramos temporais, dos 7342 pacientes que esperan unha intervención cirúrxica, 4536 presentan unha espera entre 0-3 meses; 2058 entre 0-6 meses; e 748 máis de seis meses. Neste último tramo, as listas experimentaron unha baixada moi significativa, cuantificada nun 42% con respecto ao pasado ano, con 1298 pacientes que esperaban máis de seis meses.

No referido ás probas diagnósticas, o esforzo dos profesionais e a importante renovación e ampliación tecnolóxica acometida, fixeron posible que a día de hoxe contabilícense 2583 paciente menos á espera dunha proba (un 18% menos). Neste ámbito, hai que subliñar a gran diminución do tempo de espera nas probas de Radioloxía convencional, cunha demora media de 32,8 días, 18 xornadas menos menos que o pasado ano. En canto á alta tecnoloxía, a espera para realizarse unha Resonancia Magnética baixou en nove días, sendo a demora actual de 43,1 días.

Por último, cómpre destacar o esforzo realizado en diminuír a espera doutra das probas que tradicionalmente presentan maior demanda e demora, as endoscopias, que conseguiron reducir os tempos en máis de dous meses (72,9 días), acadando situalas en 158 xornadas de espera media fronte ás 231 do pasado ano.

EVOLUCIÓN ANUAL DAS LISTAS DE ESPERA