Areeiro aconsella a instalación de trampas para a captura das eirugas que defolian frondosas e froiteiras

Os técnicos sinalan que a detección precoz e as medidas preventivas son fundamental para o bo control da praga de Operophtera brumata
Publicado por o día 27/12/2017 na sección de Deputación de Pontevedra

Areeiro aconsella a instalación de trampas para a captura das eirugas que defolian frondosas e froiteiras

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de facer público o seu último aviso fitopatolóxico de 2017. Nel aconséllase a instalación de trampas para as eirugas de Operophtera brumata, que dende hai dous anos defolian gravemente as frondosas na provincia. Os técnicos sinalan que a detección precoz é fundamental para o bo control da praga e advirten de que no último ano tamén afectou a froiteiras ademais de a frondosas.

Nestes días, segundo os técnicos, capturáronse os primeiros machos desta especie nas trampas de feromonas instaladas polas EFA en diferentes zonas da provincia, onde desde a primavera de 2015 son notorias as defoliacións que causan. De momento non se recolleron femias(que practicamente carecen de ás e non voan) nas bandas engomadas colocadas arredor dos troncos.

A detección precoz das primeiras eirugas na primavera é fundamental para facer un bo control desta praga, pois desde o momento en que se introducen nas xemas ou unen as follas tenras para alimentarse, é moi complicado limitar o ataque. Porén, xa nestes momentos pódense tomar medidas preventivas como a instalación das trampas para a captura de adultos e así reducir as posibilidades de apareamento.

A Operophtera brumata é unha especie orixinaria dos países do norte e centro de Europa que foi introducida no norte de Africa, nalgúns países asiáticos e en América do Norte. Na nosa provincia estaba presente dende hai tempo, pero desde 2015 obsérvanse graves danos nalgunhas carballeiras da provincia no momento de agromar, xa que as súas eirugas se alimentan das xemas foliares e de flor e das follas tenras. Na primavera de 2017, ademais, observáronse os seus efectos tamén en outras especies como a faia, pois é un insecto que pode atacar a diferentes frondosas (freixos, bidueiras, tilos…) e mesmo a froiteiras (maceira, pereira, cerdeira…) ou pequenos froitos (arándanos).

Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso fitopatolóxico.