Areeiro aconsella tratar as viñas contra o Mildeu ante as chuvias inminentes desta semana

O persoal técnico destaca que hai manchas esporuladas que xerarán contaminacións novas
Publicado por o día 22/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Areeiro aconsella tratar as viñas contra o Mildeu ante as chuvias inminentes desta semana

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de advertir nun aviso fitosanitario extraordinario da necesidade de aplicar tratamento nas viñas contra o Mildeu ante a chegada de chuvias nos vindeiros días que poderían xerar novas contaminacións.

A técnica Rosa Pérez Otero explica que cando se emitiu o anterior aviso fitosanitario (venres día 18) as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anunciaban tempo estable, se ben na actualidade todas elas prevén precipitacións, de contía variable segundo zonas e axencias, e mesmo posibilidade de tormentas, ademais de temperaturas nocturnas suaves. Por outra banda, na fin de semana e mesmo estas últimas noites, rexistráronse condicións favorables á esporulación.

Con esta situación, o persoal da EFA adiantou a súa visita a algúns dos viñedos ao día de hoxe “e estamos detectando nalgún deles manchas esporuladas que sen dúbida xerarán novas contaminacións coas choivas previstas”, unha situación que se repite noutras viñas vixiadas por outros técnicos. Así, advírtese que é aconsellable aplicar un tratamento en especial naquelas viñas nas que estea próximo a concluír o período de protección teórico da aplicación anterior.

Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso fitopatolóxico.