Areeiro advirte de que é preciso renovar os tratamentos das viñas contra o mildeu tan pronto paren as chuvias

Os técnicos sinalan tamén a urxencia para aplicar produtos contra o Oídio nas maceiras, as bacterioses do Kiwi e os escaravellos e pulgas das patacas.
Publicado por o día 12/05/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Areeiro advirte de que é preciso renovar os tratamentos das viñas contra o mildeu tan pronto paren as chuvias

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir no seu último aviso fitosanitario da necesidade de renovar os tratamentos contra o Mildeu tan pronto como pare o tempo inestable que se está a rexistrar. Segundo aseguran os técnicos, o nivel de risco para esta enfermidade é elevado dadas as condicións climáticas e o estado de densenvolvemento da vide, polo que non se debe descoidar a protección aínda que teoricamente as plantas estean protexidas. Ademais, lembran, as precipitacións rexistradas, por riba dos 50 litros metro cadrado en conxunto, reduciron o período de cobertura dos produtos.

Areeiro ten detectado que, desde a emisión do aviso anterior, as temperaturas nocturnas foron suaves e estiveron acompañadas de elevada humidade, situación que produciu condicións favorables á infección secundaria practicamente todos os días. As diferentes axencias meteorolóxicas anuncian a permanencia da situación climática inestable actual ata o domingo 14, e a partir de aí sol e altas temperaturas en xeral, polo que o estado sensible das viñas (entrando en floración ou en floración plena) dará lugar á aparición de novos síntomas de Mildeu previsiblemente a partir dos próximos días 16 ou 17.

En canto ao Oídio nas viñas, as precipitacións teñen lavado e arrastrado os conidios deste fungo ectoparásito, o que reduce o nivel de risco, polo que renovar o tratamento fronte a esta patoloxía non é tan urxente. En calquera caso, é preciso manter a vixilancia, ao igual que ocorre cos síntomas da botrite, o black rot e as couzas do acio.

Maceiras, kiwi e pataca

Os técnicos da EFA sinalan, en canto ás maceiras, que nestes días deberían aparecer os primeiros síntomas de moteado nas plantas onde non fora detectado e novos síntomas onde si tiñan aparecido, motivo polo que é necesario extremar a vixilancia e aplicar un tratamento en canto a climatoloxía o permita, ao igual que ocorre cos pulgóns. Por outra banda, é interesante a instalación e seguimento das trampas de feromona para couzas da mazá en cada plantación, xa que só desta forma se poderá coñecer o momento idóneo para aplicar os tratamentos.

As plantas de kiwi, pola súa banda, deixan ver nestes momentos botóns florais e, neste estado, é fundamental aplicar un tratamento fronte ás bacterioses tan pronto cesen as choivas para reducir posibles danos, sobre todo naquelas plantacións onde xa haxa síntomas. Este tratamento é aínda máis necesario tendo en conta estas precipitacións. Os funxicidas destinados ao control desta enfermidade son cúpricos e os técnicos lembran que hai que tratar non só as plantas femia senón tamén as macho, xa que das súas flores depende a calidade da polinización.

En canto á pataca, unha vez que cesen as choivas é de esperar a aparición de síntomas do Mildeu, sobre todo considerando que se prevén altas temperaturas que farán evaporar a humidade do solo. Ademais, nas plantas máis desenvolvidas obsérvanse postas e adultos de escaravello, así como síntomas da súa alimentación, polo que é recomendable realizar un tratamento fronte a esta praga despois das precipitacións. Finalmente, tamén se empezan a observar os primeiros síntomas da pulguiña –pequenos furados redondeados nas follas- e, aínda que as poboacións detectadas de momento son baixas, os técnicos sinalan que os tratamentos contra escaravello controlan normalmente a esta especie.

Por outra parte, continúan a observarse colonias de pulgón noutras plantas diversas, e xa empezan a ser notorios os enrolados das follas que causan. Coa subida das temperaturas que se prevé, “sen dúbida se incrementarán as súas poboacións, polo que hai que incrementar a vixilancia e, polo menos nas plantas ornamentais, tratar antes de que os enrolamentos vaian a máis”, explica a técnico Rosa Pérez Otero.