Areeiro sinala a boa calidade da colleita do kiwi a pesares do seu pequeño tamaño polo calor e a seca

A Estación Fitopatolóxica rematou esta semana o reparto da súa media tonelada produción entre asociacións e colectivos sociais da provincia.
Por o 08/12/2017 | Sección: Alimentación,Deputación de Pontevedra,Medio Ambiente
Areeiro sinala a boa calidade da colleita do kiwi a pesares do seu pequeño tamaño polo calor e a seca

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de sinalar a boa calidade da colleita do kiwi na provincia a pesares de que o calor e a seca dos últimos meses influíron no tamaño dos froitos en xeral, que son máis pequenos, e tamén na súa cantidade. Nesta semana a EFA rematou o reparto de 550 quilos da súa produción en Areeiro, tamén máis reducida que en anos anteriores, entre as asociacións e colectivos sociais da provincia.

Segundo explica a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, este ano a colleita de kiwis non foi moi grande e os froitos son pequenos en xeral en todos os países europeos. A primeira causa da diminución da colleita e o tamaño foi que a climatoloxía durante a floración, con días moi quentes antes do verán, non foi axeitada para a polinización. Ademais, como se demostrou nos estudios realizados na EFA  durante varios anos, o calibre do froito sempre ten un forte aumento de tamaño a partir de primeiros de setembro, nunha fase na que é importantísima a dispoñibilidade de auga da rega e de humidade ambiental, e que, neste ano non foi posible pola seca e polas altas temperaturas. “Precisamente por iso pensamos que o período tan longo da seca deste ano ten influído de maneira decisiva no calibre dos kiwis”, asegurou Vilaverde.

A produción de kiwis en Areeiro, onde o centro de investigación ten uns 3.000 metros cadrados destinados a este cultivo, foi duns 550 quilos, practicamente a metade que na campaña de 2016. Recolleuse a froita entre o 10 e 15 de novembro e mantívose en local cerrado ata finais de novembro para que madurase e alcanzase os valores ideais para o consumo, cumprindo todos os estándares de calidade. Finalmente, esta semana, rematouse o reparto entre colectivos e asociacións sociais da provincia, tal e como se leva facendo nos últimos anos, en lugar de vender o produto.

Investigación

O traballo de investigación en Areeiro pretende mellorar e adaptar diferentes cultivos de kiwi en Galicia. A EFA comezou a súa plantación de kiwis no ano 1984 para estudar a tipoloxía de plantación, produción, polinización, fenoloxía, problemas de cultivo e a calidade desta froita. Pposteriormente iniciáronse ensaios de produtos fitosanitarios e outros elementos.

Actualmente estanse a facer investigacións sobre como combater a bacteria Pseudomonas syringae pv.actinidiae (PSA) en variedades amarelas de kiwi nun convenio coa empresa ‘Kiwi Atlántico SA’. O obxectivo principal e xeral deste proxecto céntrase no estudo da distribución da PSA na Galiza, na súa situación actual e no desenvolvemento de probas para o deseño dun sistema de control da bacteria que permita afrontar toda a problemática asociada coa enfermidade.

O proxecto distribúese en dúas actividades, a primeira que abrangue as actuacións para o control da PSA e a posta a punto de técnicas agronómicas e de biocontrol da bacteria, e unha segunda actividade relacionada coa influencia da PSA sobre a elección de terreos para implantar novas plantacións e establecer cultivos resistentes e tolerantes.

As investigacións de Areeiro son fundamentais para as empresas da provincia, que concentran o 70% da produción galega (en Galicia hai aproximadamente 400 hectáreas de cultivo de kiwi), pero tamén para o estranxeiro. De feito, investigacións realizadas na EFA foron presentadas internacionalmente no IX International Symposium on kiwifruit celebrado en setembro deste ano en Porto (Portugal).

O estudo presentado neste simposio foi participado por Luisa Moura e Eva Margarida Fernández García, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, xunto con persoal da EFA: Olga Aguín, A. Ares, A. Abelleira, e o director Pedro Mansilla. Precisamente, Eva Margarida Fernández García realizou na Estación Fitopatolóxica Areeiro durante varios meses o proxecto ‘Variabilidade xenética e fenotípica de Pseudomonas syringae pv.

actinidiae, axente causal do Cancro da Actinídea, na Região de Entre Douro e Minho’.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.