Arévalo comeza a perfilar o equipo de campaña para as próximas municipais

O deseño dos grupos para elaborar o programa, o calendario de traballo e a análise dos logros acadados nesta lexislatura, principais puntos da reunión
Por o 11/02/2019 | Sección: Galicia,Mos,Partido Popular,Política
Arévalo comeza a perfilar o equipo de campaña para as próximas municipais

A alcaldesa de Mos e candidata á Alcaldía ás vindeiras eleccións municipais polo Partido Popular, Nidia Arévalo, e o presidente do Comité Local dos populares mosenses, Camilo Augusto, reuníronse esta mañá nas instalacións da Axencia de Colocación de Mos con membros do Comité, Novas Xeracións, e colaboradores para sentar as bases organizativas de cara á próxima campaña electoral.

No encontro traballouse no calendario de campaña e comezáronse a definir os equipos que se encargarán da elaboración do programa electoral e que se dividirán por materias de xestión nas que estes son especialistas. Está previsto que se creen un total de 4 equipos especializados e cada un deles centrarase nun área de acción.

Na reunión, que se desenvolveu como é habitual nun ambiente participativo, comezouse a deseñar o calendario de accións e fíxose un repaso do programa electoral de 2015 para chequear a porcentaxe de cumprimento das promesas electorais, que está próxima ao 90%.

Arévalo mostrouse ilusionada e avanzou que a próxima “será unha campaña na que pretendemos ser capaces de saber comunicar a tódolos veciños o feito nestes anos, así como poñelo en valor.  E tamén queremos ser capaces de poder chegar a escoitar a toda a veciñanza, xa que en saber escoitar, tomar boa nota, e xestionar eficaz e eficientemente, baseouse sempre o noso modelo de goberno e sempre fomos capaces de cumprir cos mosenses. Queremos repetilo. Estamos seguros de que sabemos o que necesita Mos e o noso plantexamento será serio, viable e rigoroso, pero tamén ambicioso. Temos todo na cabeza, podemos e queremos seguir a mellorar a vida dos habitantes do municipio”.

O seguinte evento previsto no calendario de campaña, según anunciou a candidata popular e actual rexedora local mosense, terá lugar o vindeiro 23 de febreiro. Será o acto de presentación oficial e posta en común do equipo que lle acompañará na campaña. Con respecto a esta xornada, Arévalo indicou que “arrancamos con forza porque sabemos que somos a mellor opción para Mos, sabemos o que necesitan os nosos veciños e temos un proxecto ilusionante”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.