Unha reunión celebrada en xuño de 2015 en Madrid entre representantes da Conferencia Estatal de Defensores Universitarios de España (CEDU) e da Red de Defensores y Procuradores Universitarios de México (REDDU) sentou as bases para a creación tres anos máis tarde da Red Iberoamericana de Defensorías Universitarias, RIDU, organismo que agrupa a máis dunha cincuentena de responsables de defensorías universitarias de España, Portugal, México, O Salvador, Costa Rica, Panamá, Colombia, Perú, Brasil, Arxentina e Chile. A rede celebrou recentemente na cidade arxentina de Córdoba o seu congreso constituínte, no que ademais de aprobar os seus estatutos e formalizar a acta fundacional, elixiu como primeiro presidente ao presidente do Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo, Argimiro Rojo. “Este nomeamento supón, en primeiro lugar, un recoñecemento á institución e ao labor do Tribunal de Garantías que teño a honra de presidir; ao seu rigor e eficacia á hora de defender os dereitos e intereses lexítimos dos membros da comunidade e tamén a súa contribución ao fortalecemento e prestixio da figura das defensorías universitarias”, explica Rojo, para quen a súa designación tamén é un impulso á aposta por traballar en rede e por abrirse ao mundo e establecer canles de cooperación con todas as defensorías.
Un foro estable para o intercambio de coñecementos e experiencias
Segundo aparece recollido nos seus estatutos, a rede constituíuse co obxectivo de ser un foro estable que permita a transferencia e o intercambio de coñecemento, información e experiencias relacionadas coas defensorías universitarias dentro do espazo iberoamericano de educación superior. En canto ás finalidades que RIDU pretende acadar están a de velar polo respecto e o avance dos dereitos humanos e universitarios; contribuír á mellora da calidade universitaria en todos os seus ámbitos ou defender a autonomía universitaria, así como promover a creación, fortalecemento e expansión das defensorías universitarias.
“Como primeiro presidente da rede teño moi claro que o obxectivo principal nesta etapa inicial é contribuír ao afianzamento e consolidación da mesma. Iso esixiríanos, por exemplo, contribuír a reforzar os lazos entre as defensorías que xa forman parte da asociación (máis de 50), incorporar ás que aínda non o fixeron (no ámbito iberoamericano existen máis de 200 defensorías universitarias) e promover a creación da institución naqueles países onde ten escasa implantación”, explica Rojo. Potenciar os recursos dixitais e estreitar a colaboración con outras asociacións de natureza afín, son outras tarefas prioritarias que se marca o novo presidente de RIDU, para quen a rede representa “a culminación con éxito dun empeño, no que non faltou algunha dose utopía, soño e ousadía”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.