ARI(T)MAR ENTREGARÁ OS PREMIOS CONCEDIDOS POR VOTACIÓN POPULAR Á MELLOR MÚSICA E POESÍA GALEGO-PORTUGUESA

A iniciativa, que volve afianzar os vínculos lingüísticos e culturais das dúas beiras do Miño, conta co apoio da Xunta de Galicia no marco das accións que desenvolven a Lei Paz-Andrade
Por o 28/10/2017 | Sección: Cultura
ARI(T)MAR ENTREGARÁ OS PREMIOS CONCEDIDOS POR VOTACIÓN POPULAR Á MELLOR MÚSICA E POESÍA GALEGO-PORTUGUESA
Compartir en:

A Gala aRi[t]mar entregará os premios concedidos por votación popular á mellor música e poesía galego e portuguesa o vindeiro martes 31 de outubro no Teatro Principal compostelán, no marco do proxecto didáctico-cultural homónimo que impulsa a Consellería de Cultura e Educación por medio da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa -á que pertence a Escola de Idiomas de Santiago- e da Secretaría Xeral de Política Lingüística e das accións coas que a Xunta desenvolve a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (Lei Paz-Andrade).

No evento participarán coas cancións gañadoras Sés e Quinta do Bill (que celebra o seu 30º aniversario) e interpretaranse tamén os poemas premiados de Paco Souto e Pedro Craveiro, amais de facerse entrega, a título póstumo, do Premio da Embaixada da Amizade Galego-Lusófona ao músico galego Narf, falecido o ano pasado. Os galardóns foron outorgados por medio dunha votación popular en liña e a ela concorreron propostas de mellores cancións e poesías do ano 2016 en Galicia e Portugal cunha participación de máis de 8000 persoas.

A iniciativa, que afianza por segundo ano consecutivo os vínculos lingüísticos e culturais das dúas beiras do Miño, conta ademais de co patrocinio da Xunta de Galicia co do Concello de Santiago de Compostela e co da Deputación Provincial da Coruña, e con ela colaboran o Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões e a súa rede de centros de ensino secundario galegos, o Conservatorio Profesional de Música santiagués, a Facultade de Filoloxía da USC e as escolas oficiais de idiomas de Lugo e Pontevedra.