Arranca a vía directa de atención aos pacientes con sospeita de deterioro cognitivo da unidade de demencias

Con motivo do Día Mundial do Alzhéimer, presentouse hoxe aos profesionais do centro do servizo de Atención primaria de Sárdoma
Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Arranca a vía directa de atención aos pacientes con sospeita de deterioro cognitivo da unidade de demencias

Con motivo do Día Mundial do Alzhéimer que se celebra hoxe, o grupo de traballo que elaborou a Vía Directa de Derivación Prioritaria desde Atención Primaria ao servizo de Neuroloxía para a atención aos pacientes con sospeita de deterioro cognitivo, presentou hoxe esta nova modalidade asistencial aos profesionais do servizo de Atención Primaria de Sárdoma. Nos próximos días realizarán esta presentación nos centros de saúde de Pintor Colmeiro e Mos, dado que son os tres servizos que inician este programa o vindeiro 1 de outubro.

Esta xuntanza tamén contou coa participación do xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e membros do seu equipo directivo, así como co presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez. A  especialista en neuroloxía do CHUVI, a doutora María José Moreno, experta nestas patoloxías, foi a encargada de explicar os protocolos a desenvolver.

A posta en marcha desta vía directa é unha máis das actuacións levadas a cabo para avanzar no programa de atención a pacientes con deterioro cognitivo, que comezou a súa andadura a principios deste ano coa contratación dun neurólogo específico para este fin.

Así, o servizo de neuroloxía está a traballar, xunto con especialistas de Atención Primaria de Psiquiatría, Xeriatría e Traballo Social, na reordenación da atención a pacientes con sospeita destas enfermidades, co obxecto de ofrecerlles unha asistencia máis integral, áxil
e humanizada.

Consulta de Alta Resolución

O grupo de traballo elaborou e consensuou os criterios de derivación prioritaria dos pacientes con sospeita de enfermidade dexenerativa, e estableceu os medios necesarios para garantir a eficacia desta nova modalidade de atención.

Un dos traballos previos requiridos foi a creación do circuíto para a solicitude de TAC de cerebro desde Atención primaria xunto coas outras probas complementarias necesarias, que farán que o paciente, cando sexa derivado ao neurólogo, xa estea ben orientado, cun diagnóstico diferencial e con todas as probas realizadas.

Deste xeito, na maioría dos casos, permitirá ao neurólogo nunha primeira consulta -consulta de Alta Resolución- realizar un diagnóstico de certeza e iniciar un tratamento. En consecuencia, axilízanse os tempos de espera e evítanse desprazamentos innecesarios destes pacientes ao hospital, favorecendo que o paciente se manteña na súa contorna, atendido polo seu equipo de profesionais desde atención primaria, o que redundará nunha mellor evolución a medio e longo prazo do seu deterioro cognitivo. Con este obxectivo, estableceuse tamén unha vía de comunicación permanente para o seu seguimento compartido entre os especialistas de primaria e do hospital a través da e-interconsulta.

Ademais, está prevista a realización de sesións formativas e informativas, impartidas polos profesionais do servizo de neuroloxía aos médicos e enfermeiras dos centros de saúde, para resolver as dúbidas e posibles incidencias no desenvolvemento desta pilotaxe. Os dous niveis asistenciais disporán tamén dunha liña telefónica específica para a comunicación de todo o relativo a atención á demencia.

Incorporación de máis especialidades

O papel das especialidades de Xeriatría, Psiquiatría e Traballo Social na estrutura da Unidade de Demencias, ten en conta as características especiais destes pacientes, na maioría dos casos con idade avanzada, con comorbilidade asociada (pluripatolóxicos, plurimedicados…) e, ás veces, con severos condicionantes sociais.

A estrutura, na súa totalidade, ofrece unha abordaxe multidisciplinar e unha atención holística do paciente.