Arranca este domingo a décima quenda do campamento “DEPO Aventura a Lanzada”

Un total de 1.800 nenas e nenos, de entre 8 e 13 anos e de todos os puntos da provincia, xa desfrutaron no que vai de verán do programa da Deputación de Pontevedra.
Publicado por o día 25/08/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Arranca este domingo a décima quenda do campamento “DEPO Aventura a Lanzada”

A décima quenda do campamento de verán “Depo Aventura A Lanzada” inaugurarase este domingo da man da deputada de Xuventude e Cohesión Social, Digna Rivas. Este programa da Deputación de Pontevedra, que está destinado a nenas e nenos da provincia de entre 8 e 13 anos, desenvolverase ata o 8 de setembro no Centro de Vacacións da Lanzada.

Esta nova quenda contará, igual que as posteriores, con 200 participantes. A finalidade deste programa é a de achegar á mocidade actividades que contribúan ao seu enriquecemento persoal, á adquisición de habilidades sociais e ao coñecemento de espazos de interese fóra da súa contorna habitual. Polo tanto, as actividades ofertadas serán de carácter lúdico-educativo, cultural, deportivo ou formativo.

A principal novidade do Depo Aventura desta edición vén dada pola reposta e o compromiso adquirido tras a vaga de lumes (que asolou a provincia o ano pasado) de introducir actividades de formación e educación ambiental. Por iso, en cada unha das quendas haberá unha actividade centrada na concienciación sobre a posta en valor dos montes e na prevención dos lumes.

En total, as prazas ofertadas pola institución provincial para este campamento de verán ascenderon a 2.200, sendo 300 delas gratuítas para aquelas familias que se atopen en situación ou risco de exclusión social, algo que o Goberno de Carmela Silva leva facendo dende a súa chegada.

Os e as participantes son rapazas e rapaces con idades comprendidas entre o 8 e os 13 anos, nacidos entre o 2005 e o 2010, e que están empadroadas nos concellos da provincia. Esta décima quenda rematará o 1 de setembro e a undécima e última desenvolverase entre o 2 e o 8 de setembro.

Xunto a esta actividade, os campamentos da Deputación tamén están orientados á consecución de hábitos saudables, ao fomento de actitudes solidarias e de convivencia, á promoción da educación e da igualdade de xénero e ao fomento do respecto ao medio ambiente. Ademais, tamén se inclúe unha visita á Illa de Ons e outra de carácter cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e, ao igual que aconteceu o ano pasado, deberanse impulsar actividades en lingua inglesa co obxectivo de mellorar o dominio do idioma nun contexto de lecer.