Arranca a modificación da Ordenanza de veladores no Concello de Pontevedra

Comeza o traballo para modificar a ordenanza de veladores do Concello de Pontevedra. A concelleira responsábel de Promoción da Cidade, Anabel Gulías explicou onte na Comisión de Economía e Facenda o proceso que seguirá a súa Concellaría para actualizar este texto normativo do Concello
Publicado por o día 05/04/2017 na sección de Galicia,Pontevedra,Vigo

Arranca a modificación da Ordenanza de veladores no Concello de Pontevedra

Comeza o traballo para modificar a ordenanza de veladores do Concello de Pontevedra. A concelleira responsábel de Promoción da Cidade, Anabel Gulías explicou onte na Comisión de Economía e Facenda o proceso que seguirá a súa Concellaría para actualizar este texto normativo do Concello.

Indicou que dende o ano 1997, data da aprobación da ordenanza vixente, existíu un cambio importante dos usos dos espazos públicos na cidade, maiormente ocupados por terrazas “sen que existira ningún incidente grave”, explicou Gulías.

Para iniciar a modificación da ordenanza, a concelleira expicou que a partir do 24 de abril empezará a ter contactos con todos os actores que participarán desta ordenanza: hostalería, hoteleiros, veciños. O 24 de abril mantén o primeiro encontro coa Asociación de hostaleiros do Concello, e continuará con outras entidades como os hoteleiros, Zona Monumental, Aempe, Autónomos, Cámara de Comercio, federacións de veciños, Cogami, Amizade, a Once e, por suposto, os grupos políticos municipais. Tamén é probabel que convoque unha xuntanza aberta para que se expoñan as inquedanzas dos que queiran participar neste proceso.

Tamén encargou aos servizos técnicos municipais un estudo sobre o estado dos veladores e terrazas, especialmente, os do Centro Histórico (coñecer o estado das anclaxes, os materiais, os toldos…). Na actualidade están contabilizados 1.859 veladores no concello.

Anabel Gulías non quixo pór data de finalización deste proceso porque hai implicadas moitas persoas, e unha vez que expoñan a súa opinión, farase un borrador da modificación da ordenanza, remitirase aos actores do proceso e finalmente aprobarase co maior consenso posible.

Entre os puntos fortes da ordenanza serán a accesibilidade e a necesaria harmonía entre as terrazas e o uso dos espazos públicos.