Coa presentación do primeiro das e dos seus catro personaxes principais, Roque, arrancou hoxe na rede Instagram a novela Caramomia, a nova iniciativa cultural que promove a institución provincial e que busca implicar a mocidade na lectura a través da publicación por entregas desta historia xuvenil de misterio. Trátase dun proxecto que está asinado a oito mans por dúas e dous dos autores máis recoñecidos da comunidade: Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico (pseudónimo de Miguel López) e que se pode ler tamén na propia páxina da Deputación de Pontevedra. Como explicou a presidenta Carmela Silva na súa presentación, esta iniciativa remarca o firme apoio e o compromiso da Deputación coa cultura e, particularmente, coas escritoras e escritores galegos, apostando ademais por “un novo modelo interactivo e dixital como instrumento de creación literaria”.
A historia de Caramomia, que vai dirixida á mocidade a partir dos dez anos, foi ideada por estas e estes catro creadores nestes días de confinamento e a ficción transcorre tamén na corentena. Está protagonizada por catro rapazas e rapaces, Roque, Brando, Mafalda e Mabel e, como apunta a súa sinopse, haberá un feito que altere a monotonía dos días de illamento: o roubo dunha valiosa peza do museo. As sospeitas das e dos catro xiran en torno a Caramomia, para eles, unha señora pouco recomendable á que cómpre vixiar moi de preto. Por iso emprenderán unha investigación na que non só van ser eles as e os protagonistas, senón que tamén o serán as lectoras e lectores da novela, xa que poderán decidir como queren que avance a trama e as accións das e dos personaxes.
Así, despois dos catro primeiros capítulos (estes publicaranse os luns, mércores, venres e sábados), que servirán para a presentación dos protagonistas e da trama, a partir da semana que vén establecerase ao final de cada entrega, como explicou a autora Ledicia Costas, un sistema de votacións no que se darán opcións para que as e os lectores decidan por que camiño vai avanzando a resolución do misterio. Ademais, destacou que a historia antiga terá “unha importancia moi relevante, de aí o título de Caramomia” e apuntou que o deseño gráfico da novela é de Daniel Landesa.
Neste primeiro capítulo lanzado na mañá de hoxe a iniciativa arrancou en Instagram con arredor de 350 seguidores. A historia publicarase ata o 20 de xuño nesta rede e na páxina web da Deputación e os enlaces iranse compartindo tamén nos outros perfís da institución provincial nas redes sociais Instagram, Twitter e Facebook.
Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico traballarán en equipo e iranse repartindo a escritura dos 24 capítulos desta novela interactiva nun reto que definiron na presentación de “Oito Mans” como “unha aventura” e, ao mesmo tempo, afirmaron que a proposta lles serviu para reinventárense trala situación de confinamento que detivo todas as axendas culturais.
Carmela Silva anunciou tamén na presentación do proxecto que, unha vez rematada a súa publicación virtual, a idea é que a institución provincial edite en formato papel esta obra. “Estes proxectos tan novidosos teñen que quedar para a posteridade”, apuntou. A presidenta incidiu en que o apoio á industria cultural, “ademais de ser unha convicción desta Deputación, considéroa unha obriga, agora aínda máis necesaria nesta crise sanitaria, na que a cultura encheu todos os espazos da nosa vida”. Ademais, fíxolles un chamamento a todas as administracións “para que lle dediquemos unha parte relevante dos nosos recursos á cultura” e ao conxunto da sociedade “para que consumamos cultura”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.