Arranca no Pazo de Mos o I Festival Daquelas que Cantan. A Voz das Mulleres no Camiño Portugués

Todos os concertos deste evento musical que clausura as Festas da Rosa 2019 son gratuítos
Por o 20/06/2019 | Sección: Galicia,Mos
Arranca no Pazo de Mos o I Festival Daquelas que Cantan. A Voz das Mulleres no Camiño Portugués

A partir de mañá Malvela e Uxía poranlle o broche final ás Festas da Rosa 2019 co I Festival Daquelas que Cantan. A Voz das Mulleres no Camiño Portugués, que se celebrará mañá venres 21 e o sábado 22 de xuño no Pazo de Mos.

Contará con concertos de Malvela en homenaxe á Señora Carmen, Uxía, Celina da Piedade (Portugal), Kátya Teixeira (Brasil), Zaragateiras, Arume, Ergutío… entre outros. O festival contará tamén con obradoiros de canto tradicional, a colaboración de Tiago Pereira e Dorinda Castro, unha andaina de recollida de herbas de San Xoán, foliadas e moitas outras actividades.

Esta iniciativa está organizada por Malvela e Uxía xunto con Damadriña Producións co apoio do Concello de Mos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Deleite e Adoa. Sobre a mesma a cantante mosense Uxía declarou que “a idea era facer unha homenaxe ás mulleres como depositarias da memoria colectiva a través do canto. Revalorizar a súa dignidade como artistas, o seu dereito a subirse a un esceario e demostrar o seu bo facer”. “As mulleres galegas e mosenses foron e son as verdadeiras transmisoras, de xeración en xeración, do canto popular tradicional; e como representación destas mulleres mosenses teremos no festival a Malvela, Zaragateiras e Arume. Con Malvela como anfitrionas, xa que son un grupo feminino cunha gran traxectoria musical representando a Mos”, explica Uxía.

Ademais haberá tamén representación feminina da lusofonía doutros lugares do mundo, tal e o caso da brasileira Kátya Teixeira e da portuguesa Celina da Piedade. Ambas, ademais de dar os seus respectivos concertos o venres e sábado ás 22.00 horas, impartirán sendos obradoiros de canto. Pola súa banda as ourensanas Ergutío actuarán en concerto o sábado día 22, ás 22.00 horas. Todos os concertos serán gratuítos e con acceso libre e de balde.

Nos obradoiros, cun custe de inscrición de 25 euros por persoa, traballarase sobre o canto tradicional de transmisión oral e ese traballo poderá demostrarse a continuación sobre o esceario do festival.

Esta primeira edición Daquelas que Cantan contará coa colaboración e presenza de Dorinda Castro, que dará unha conferencia xunto con Uxía titulada ‘O canto popular feminino na literatura’ que se impartirá mañá venres ás 19.30 horas. Tamén mañá a esa mesma hora Tiago Pereira exhibirá material do seu arquivo videográfico sobre mulleres que cantan no Camiño nunha activivade titulada ‘A música portuguesa a gostar dela propia’ (é o responsable do proxecto).

Uxía definiu Daquelas que Cantan “máis que como un festival, como unha foliada, unha festa familiar, unha reunión moi aberta na que queremos que a xente aporte. Gustaríanos que fose o primeiro de moitos pasos e que esta iniciativa se prolongue no tempo, xa que é pioneira ao non existir en Galicia ningún festival tan específico coma este: de música feminina ao carón do Camiño Portugués”. Ademais Uxía destacou que “para min como mosense é un aliciente poder celebrar este festival na miña casa, tratándose ademais o de Mos dun Concello moi musical e contar con esa gran Escola de Música en Torroso que nos gustaría se puidese incorporar ao cartel e/ou á organización en vindeiras edicións”.

“Nesta ocasión eliximos o Pazo de Mos como entorno para celebrar o festival ao tratarse dun espazo moi familiar e cómodo no que persoas de todas as idades, tamén a xente maior, poderán gozar e aprender como se interpreta a música noutros lugares como Brasil e Portugal”, comenta Uxía, quen tamén destacou a figura da Señora Carme, compoñente de Malvela falecida, que grabou un disco en solitario, e á que as Malvela lle rendirán un sentido e emotivo homenaxe neste festival. E concluiu apuntando que “tamén queremos que Daquelas que Cantan sexa unha volta ao espazo natural, para elo organizamos a andaina para a recollida das Herbas de San Xoán o sábado ás 10.00 horas coa que pretendemos recuperar as tradicións e a sabedoría popular e natural”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.