Arranca a reforma do barrio de Mollavao con solicitudes ante a Xunta, Costas e a Deputación

A Xunta de Goberno aprobou a solicitude do Concello ante a Consellería de Infraestruturas para a cesión de Rosalía de Castro até a altura da parcela dos circos.
Publicado por o día 27/12/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

Arranca a reforma do barrio de Mollavao con solicitudes ante a Xunta, Costas e a Deputación

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a tramitación administrativa previa e necesaria para iniciar a reordenación e mellora do barrio de Mollavao. Trátase de tres solicitudes ante a Xunta de Galicia, Costas do Estado e a Deputación provincial para levar adiante este ambicioso e prioritario proxecto que pretende incorporar á trama urbana ao barrio de Mollavao cos estándares do modelo Pontevedra.

A primeira das solicitudes aprobada cúrsase ante a Consellería de Infraestruturas para solicitar a cesión de medio quilómetro da estrada PO-546 (até a parcela onde se instalan os circos). Foron distintos os intentos do Concello para que a Xunta instalase medidas de calmado de tráfico e accesibilidade en Rosalía de Castro, neste tramo en cuestión, onde se sitúan un centro  escolar de Infantil e Primaria e o centro de especialidades sanitarias (A Casa do Mar). Ante a negativa da Xunta que entendía que non se correspondía aquel tratamento coa natureza da vía, o Concello acorda solicitarlle a cesión da estrada para poder integrala no modelo de cidade, con iguales estándares de calidade que o resto de Pontevedra: ampliación de beirarrúas, accesibilidade universal, un só carril de circulación en sentido único…

A segunda das peticións é ante Costas do Estado para solicitarlle a cesión de parte da parcela dos circos. Na actualidade o Concello ten un uso restrinxido desta parcela como estacionamento de balde en superficie. Agora solicítase a cesión definitiva dun tramo da parcela de 3.364,41 metros cadrados no que está prevista a construción dunha rotonda e unha nova vía que permita conectar a estrada vella de Marín coa avenida de Marín, permeabilizando o barrio.

Finalmente, tamén se aprobou a solicitude ante a Deputación provincial para a sinatura dun convenio que permita colaborar a ambas administracións locais no financiamento desta ambiciosa actuación. As contías deste convenio aínda estar por determinar, e virán dadas polo proxecto de execución da obra que se redactará nos vindeiros meses.

A viceportavoz do Goberno, Anabel Gulías manifestou esta mañá a aposta decidida do Goberno polo barrio de Mollavao como se deduce dos asiduos contactos que o concelleiro de obras mantén cos colectivos veciñais ou a inclusión dunha partida de 100.000 euros no actual orzamento destinado, en exclusiva, para o barrio.

Anabel Gulías explicou que o arranque do proxecto “é dunha gran complexidade” xa que se trata de pór de acordo a tres administracións, pero dende o Goberno Local “somos optimistas porque hai vontade por todas as partes”, e confía en poder resolver toda a complexa tramitación administrativa nun prazo razoable de tempo.