Arrancan as negociacións coa Xunta para a implantación da docencia mixta desde o vindeiro curso

Cada universidade notificará a mediados de xuño os centros e titulacións interesadas en participar
Publicado por o día 19/05/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Arrancan as negociacións coa Xunta para a implantación da docencia mixta desde o vindeiro curso

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as tres universidades galegas mantiveron este martes unha xuntanza de traballo na que  iniciaron os trámites de cara á implantación para o vindeiro curso da denominada docencia mixta, referido á combinación da docencia presencial coa educación en liña. Bautizado como Programa de transformación á docencia innovadora no SUG, Carmen Pomar explicou que a transformación estrutural que se pretende acadar con este programa é un proceso complexo e só pode afrontarse dende unha perspectiva multidimensional na que se fai imprescindible a integración de diversas actuacións máis aló da estritamente docente, e abrangue medidas de carácter sanitario, tecnolóxico, de avaliación e financeiro.

Fase piloto o próximo curso e xenaralización do sistema no 21/22

Segundo se explicou na xuntanza, o proceso iniciarase en fase piloto e voluntaria este mesmo curso e os centros que decidan adherirse xa nesta fase ao programa comprométense a impartir integramente as materias dun título de grao mediante este sistema de docencia mixta. O curso seguinte, 2021/2022, sería xa o de xeneralización do sistema e suporía a  implantación deste modelo na maioría das titulacións de grao universitario impartidas polas tres universidades do SUG.

Os centros e títulos de grao que participen nesta iniciativa deberán presentar unha relación xustificada de gastos e investimentos, directamente relacionados coas accións do programa, que se incluirán dentro do convenio que a consellería asinará con cada unha das universidades antes do comezo do vindeiro curso académico para cofinanciar a posta en marcha do programa. Neste sentido, as universidades deberán notificar os centros e titulacións de grao interesadas en adherirse á fase piloto a mediados de xuño.

Unha vez presentada a solicitude de adhesión dunha titulación ao programa e cumpridos os requirimentos, o centro no que se imparta recibirá da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a autorización para publicitar interna e externamente a súa condición de Centro DOING (Docencia Innovadora do SUG).

Un sistema baseado na avaliación continua

As accións principais desta iniciativa deberán desenvolverse no ámbito da organización académica e ter como destinatario principal o alumnado, na liña do establecido no Plan Boloña, que tiña entre os seus obxectivos a modificación das metodoloxías de ensino para que o alumnado asuma un papel máis activo no proceso de aprendizaxe. Isto leva consigo proceder á adaptación dos sistemas de avaliación para avanzar cara a avaliación continua, como complemento ao tradicional sistema de exame final.

O obxectivo do sistema de docencia mixta que pretende implantarse é avanzar neste sentido e quedará plasmado na guía docente de cada unha das materias que forman parte do plan de estudos de cada titulación que se sume ao programa. Para unirse a este proceso de innovación na docencia a titulación deberá propoñer, como mínimo, dous sistemas de avaliación do alumnado, de libre elección polo estudantado. A cualificación final máxima non pode variar calquera que sexa o sistema de avaliación elixido. Ademais deberá existir a posibilidade de aprobar cada materia, xa sexa cuadrimestral ou anual, con anterioridade ao exame final, en caso de habelo.

O sistema de avaliación continua será o sistema por defecto nas guías docentes, e incorporará o máximo de actividades que faciliten a avaliación ao longo de todo o período lectivo. Sempre que sexa posible, estableceranse sistemas alternativos de avaliación, por motivos de forza maior, para actividades de campo, laboratorio, e prácticas en xeral.

Máis recursos dixitais

Unha parte esencial do programa consiste, segundo explicaron na reunión, en que os centros acometan investimentos materiais que acompañen o esforzo do profesorado para que a docencia mixta dun título se desenvolva en condicións similares á docencia presencial pura clásica.

Polo tanto, os centros que se sumen a este programa deben poñer a dispor do seu alumnado en físico (nas bibliotecas) e en virtual (nas aulas virtuais), a totalidade do material docente básico que precise para obter a máxima cualificación nunha materia; así como o resto de material como programas informáticos especializados, simuladores, e calquera outro material alternativo a actividades físicas prácticas contidas na guía docente. Ademais será necesario que optimicen as súas canles webs e os contidos que conteñen.

Plans de prevención sanitaria en todas as facultades

Por outra banda, os centros deberán reforzar todas as medidas sanitarias e incluír na súa solicitude de adhesión un plan de prevención para cada facultade. Neste plan especificaranse as medidas pertinentes a nivel de etiqueta respiratoria, saúdos de cortesía, desinfección dos centros, limitacións de aforo, distancia de seguridade e elementos separatorios; ou posibilidades como facilitar o teletraballo en modalidade non presencial, establecer quendas ou revisar os protocolos de uso de laboratorios ou de desenvolvemento das prácticas nas diferentes titulacións, entre outras.

Grupo de traballo

O seguimento, avaliación, e melloras de todas as actividades do programa, correrá a cargo dos membros do grupo de traballo reunido hoxe, integrado polo vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo, Manuel Ramos; a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional da Universidade de Santiago de Compostela, María José López; a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez; a presidenta do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela (en representación dos Consellos Sociais), Cecilia Sierra; o director xeral de Feuga, Javier Pereiro; e o director da ACSUG, Eduardo López Pereira.

Así mesmo forman parte deste grupo Mª Jesús Purriños, do Servizo de Epidemioloxía do Sergas; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e as subdirectoras xerais de Universidades, Beatriz Soutelo, e de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Mª Jesús Tallón.

Comentar noticia

Your email address will not be published.