Arredor de 300 deportistas de doce nacionalidades daranse cita no Ourense Termal Athletics Meeting

A proba celebra a súa quinta edición convertida en referente no noroeste peninsular

Cantidade, con 300 deportistas de 12 nacionalidades, e calidade, coa participación dalgúns dos máis destacados atletas do noroeste peninsular. Con estas credenciais presentouse este xoves no Pazo Provincial de Ourense o Ourense Termal Athletics Meeting 2018, proba deportiva que por quinto ano consecutivo se celebrará este sábado, 12 de maio, nas pistas de atletismo do campus de Ourense.

A presentación da proba, que está incluída no calendario de competición nacional da Federación Española de Atletismo, contou coa participación de representantes das entidades organizadoras e colaboradoras, estando José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Lalo Gómez, director do torneo; Mario Guede, concelleiro de Deportes de Ourense; Ángel Fidalgo, secretario da Delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo; Manuel Pérez, do Servizo Provincial de Deportes da Xunta; o especialista en atletismo Gonzalo Mende, e Nediam Vargas, atleta internacional venezolana que participará na proba.

Do certame, José María Faílde salientou como “ano a ano vaise consolidando como un evento de referencia” e amosou a satisfacción da Universidade de Vigo por participar nunha cita deportiva froito da colaboración entre diferentes entidades, lembrando como “o deporte está no Adn” da institución académica. Pola súa banda, Rosendo Fernández fixo fincapé en como esta proba cumpre tres obxectivos como son a promoción do deporte de base e profesional, a promoción do turismo deportivo e a difusión no eido estatal e internacional da marca Ourense Termal.

Velocidade e medio fondo

Salientando a acollida que tivo o meeting en canto a número de inscritas e inscritos e a “calidade dos deportistas”, Lalo Pavón subliñou como a proba do sábado “vai ser unha ocasión excepcional para poder gozar do atletismo de máximo nivel na provincial”. Alén de pór de relevo a importante participación das categorías inferiores, o director da cita destacou que no campus de Ourense desenvolverase desde as 18.00 h un “intenso e completo programa” no que destacan as probas de velocidade e medio fondo.

Entre os nomes destacados, Gonzalo Mende apuntou a participación de Nediam Vargas, Mauro Triana, Sergio Husillos, Daniel Cerdán ou Alejandro Fernández. Será, indicou Mende, “o primeiro meeting de España deste ano” no que van a participar “os mellores atletas de todas as edicións celebradas”. Entre eles e elas estará Nediam Vargas, que na rolda de prensa de presentación desta edición subliñou como afronta esta cita “contenta de competir nesta pista tan rápida” e co reto de acadar “a mellor marca desta tempada”. Desde as entidades organizadoras e colaboradoras tamén convidaron ao público interesado en achegarse ata as pistas do campus e gozar de balde do mellor atletismo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM