A Organización Sindical Médicos de Galicia Independentes, O’MEGA, arrincará mañá, xoves, día 11, a primeira das nove xornadas de folga de facultativos convocadas para protestar polo desmantelamento e deterioración constante da sanidade pública galega.
Están chamados a secundar os devanditos paros uns 8.000 licenciados sanitarios galegos e desde O’MEGA lémbrase a importancia de sumarse para tratar de reverter os problemas dunha sanidade galega sometida a unha perda de calidade continua por falta de recursos tanto materiais como humanos.
Entre as demandas máis urxentes, alcanzar a estabilidade laboral, conseguir un complemento específico que pague aos médicos co mesmo salario por realizar un traballo igual, un incremento da retribución das gardas e que se atendan as reivindicacións dos profesionais tanto de Atención Primaria como de Hospitalaria.
Tamén se rexeita a carreira profesional que foi pactada entre o Servizo Galego de Sáude (SERGAS) e outros sindicatos por entender que esta dista moito das aspiracións requiridas.
Desde o sindicato esíxese unha carreira profesional para todos os licenciados sanitarios galegos que exercen na actualidade, independentemente da súa situación laboral, xa sexan como traballadores fixos ou temporais, rexeitando tajantemente que se establezan diferenzas baseadas no tipo de contrato, como se reflicte no acordo do SERGAS.
Noticias de última hora en Vigo