Arrinca a sección oficial da VIII edición do festival Primavera do Cine en Vigo

Entre o 30 de abril e o 5 de maio proxectaranse un total de 34 curtametraxes e 10 longametraxes galegas e lusófonas que competirán por levarse os galardóns ás mellores obras da oitava edición do Primavera do Cine
Publicado por o día 30/04/2019 na sección de Galicia,Cultura,Vigo

Arrinca a sección oficial da VIII edición do festival Primavera do Cine en Vigo

Tras distintas actividades paralelas que conseguiron colgar o cartel de completo nas súas proxeccións, como Viva Cuba, unha retrospectiva de cine cubano ou o Cine nos Barrios en Navia e o Casco Vello Alto, este martes arrinca a sección oficial VIII edición do Primavera do Cine en Vigo.

Así, no Instituto Camões, a partir das 19.30 terá lugar a proxección do primeiro bloque de curtas lusófonas compostas por catro obras: California, unha obra de Nuno Baltazar que narra a loita dunha nai e a súa filla chinesa por conseguir unha vida mellor en Portugal e Tudo o que imagino de Leonor Noivo, un filme rodado por actores non profesionais e ambientado no barrio de Alcoitão que mostra o fin da adolescencia desde o punto de vista de André, un mozo cheo de ilusións e quen ten coma obxectivo unha vida libre e sen ataduras.

Este primeiro bloque completarase tamén con Madness de João Viana, unha cinta estreada na Berlinale de 2018 que reflexiona sobre o colonialismo e como pode chegar a converterse nunha enfermidade mental e Narrativas de um crime de Alison Zago, gañadora á mellor curtametraxe e ao mellor director no Curta Sao Thomé en Brasil e galardoada cunha mención especial do xurado no no Short of the Year de España 2019. A obra de Alison Zago aborda a historia de Constantin, un detective da policía que soña con ser escritor e Paulo, un policía con problemas de ira que acaba de regresar despois dun período de suspensión. Ambos terán que traballar xuntos nunha escena dun crime e colaborar, pese aos seus conflitos persoais.

Ademais, durante todas as xornadas de proxeccións no Camões, os asistentes poderán gozar duns petiscos doces e salgados cortesía do Instituto Camões e dun albariño Carallán, xentileza de Adegas Terrae, un dos patrocinadores do festival.

IX ENCONTROS ARRAIANOS

Por segundo ano consecutivo, o Festival Primavera do Cine en Vigo acolle unha nova edición dos En­contros Arraianos de Cinema, unha xuntanza de persoas e institucións que traballan no estudo e na difusión da cultura arraiana no eido audiovisual. O evento terá lugar o martes 30 ás 11.00 no salón de actos do Instituto Camões de Vigo. A entrada é de balde.

Os IX Encontros Arraianos de Cinema, promovido polo Festival Internacional de Cine Rural de Galicia “Carlos Velo”, Arraianos Produções e AO NORTE celebraranse en nova colaboración co Festival Primavera do Cine e estarán representantes dos cineclubes, festivais de cine e universidades que xa levan moitos anos a traballar na ampliación das fronteiras con “insistencia arraiana”.

Ademais, nesta nova edición, procurarase o intercambio de mate­riais de traballo a través dun debate entre todas e todos, que ten como obxectivo acadar propostas colaborativas concretas. Por exemplo, a creación dunha base de datos que contemple institucións e eventos relacionados coa cultura arraiana ou a posibilidade de presentar unha candidatura conxunta para conquerir fondos europeos interrexionais.

Os Encontros Arraianos de Cinema naceron no ano 2016 co obxectivo de promover o xurdimento de redes de colaboración e intercambio entre cineclubes e festivais de cinema de Galicia e do Norte de Portugal, España e Brasil, contribuír e espallar a identidade arraiana, e estimular o diálogo cultural alén das fronteiras.

OS PREZOS

As entradas ao bloque de curtas pódese adquirir no Instituto Camões desde media hora antes do comezo das proxeccións e ten un custo de 3€. Toda a información sobre a sección oficial está na web do festival.