Arrinca este mércores o xuízo ao xefe de planta do Corte Inglés de Santiago acusado por suposto acoso sexual

O xulgado de Instrución nº3 de Santiago abre dilixencias penais a cúpula do centro comercial
Publicado por o día 04/02/2020 na sección de CIG,Sindicatos

Arrinca este mércores o xuízo ao xefe de planta do Corte Inglés de Santiago acusado por suposto acoso sexual

O xuízo penal contra o xefe de planta do Corte Inglés de Santiago de Compostela, denunciado por unha traballadora do centro comercial por acoso sexual, terá lugar o vindeiro mércores día 5 de febreiro, ás 10:00 horas no xulgado de instrución nº 1 de Fontiñas.

Ademais o xulgado de Instrución nº 3 de Santiago abriu dilixencias penais fronte á cúpula do Corte Inglés na cidade e fronte ao seu Director en Galiza, sinalando para os próximos días 24 e 26 de marzo a toma de declaración, en calidade de investigados, do Director e mais do Xefe de persoal do centro así como de dous dos xefes territoriais.

As actuacións xudiciais foron iniciadas a partir das denuncias presentadas por unha traballadora e máis a súa parella, tamén traballadora do Corte Inglés, representadas polo letrado Mariano Sierra que se viron obrigados a rescindir a súa relación laboral ante a pasividade e as presións exercidas pola cúpula directiva que serán agora investigados por esas actuacións.

Sentenza exemplar

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa ratificou a existencia de acoso antes de entrar o caso na vía penal. Por iso, a CIG-Servizos agarda que a sentenza que se dite tras deste xuízo “sexa exemplar para que tanto o Corte Inglés como o resto das empresas tomen nota e comecen a tomarse en serio as situacións de acoso que, por desgraza se producen no día a día no mundo laboral”.

Neste sentido, Roberto Alonso, membro da executiva federal, denuncia que “resulta lamentable que a día de hoxe o Corte Inglés siga sen recoñecer a gravidade dos feitos e que a solución para as vítimas tivese que ser rescindir a súa relación laboral diante da inacción da empresa”.

Alonso pon ao dispor de todas as traballadoras e traballadores vítimas de situacións de acoso os recursos da central sindical para denunciar estes casos.