Arrinca o XXXII trofeo Vila de Cangas de Balonmán

Este xoves, día 10 de agosto, tivo lugar no Salón de Plenos do Concello a presentación do XXXII Trofeo Vila de Cangas de Balonmán
Por o 10/08/2017 | Sección: Cangas,Deportes,Eventos,Galicia
Arrinca o XXXII trofeo Vila de Cangas de Balonmán

Este xoves, día 10 de agosto, tivo lugar no Salón de Plenos do Concello a presentación do XXXII Trofeo Vila de Cangas de Balonmán.

O encontro, que terá lugar este sábado, día 12 de agosto, no Pavillón Municipal de O Gatañal, transcorrerá en horario de 20:00 a 21:30 horas, e nel enfrontaranse o Frigoríficos do Morrazo e o ABC Braga (Portugal). A entrada será de balde para todas as persoas asistentes.

Trátase dun trofeo xa recoñecido no concello de Cangas que soe atraer a moitos afeccionados. O ano pasado logrouse unha asistencia de arredor de 500 persoas, algo que se espera repetir. Convén resaltar que o ABC Braga é un dos equipos máis importantes da primeira división portuguesa, xa que conta con máis de 10 títulos de Liga.

O concelleiro de Cultura, Héitor Mera, en representación do concelleiro de Deportes, anima a todos os veciños e veciñas á asistir a un partido que vai ser apaixonante. “O Club Balonmán Cangas non é un simple club, é un emblema, un motivo de orgullo. Cando saímos fora contamos as súas fazañas, xa que están na nosa memoria e no noso pensamento. Fago un chamamento para que a xente se anime a asistir ao evento”.

Convén recordar que mañá venres, día 11 de agosto, tamén se realizará a presentación de todas as categorías do Club Balonmán Cangas no atrio de Darbo a partir das 20:00 horas.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.