Arrincan as obras de humanización da estrada provincial de Vigo co definitivo impulso da nova Deputación de Pontevedra

Carmela Silva e Abel Caballero colocaron a primeira pedra desta actuación que supón un investimento de 3 millóns de euros para unha demanda histórica da cidade
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Concello de Vigo,Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Arrincan as obras de humanización da estrada provincial de Vigo co definitivo impulso da nova Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, colocaron esta mañá a primeira pedra da humanización da estrada provincial, enmarcada no convenio de colaboración entre a institución e o concello. Esta actuación, que conta cun investimento total de 3 millóns de euros dos que a Deputación achega o 60%, vai ter lugar nun tramo da EP-2002 de preto dun quilómetro entre a Gran Vía e a Rúa Emilia Pardo Bazán.

Tanto a presidenta como o alcalde de Vigo fixeron fincapé en que a intervención responde a unha demanda histórica da cidade. Neste eido, Carmela Silva subliñou que “a veciñanza non podía entender como se humanizaba toda a cidade de Vigo e esta zona quedaba sen ter unha actuación para devolver o espazo público para a xente, con criterios do século XXI, acondicionada para o uso e desfrute da cidadanía”. Ao respecto, a presidenta provincial recordou que “isto acontecía porque o anterior goberno da Deputación de Pontevedra, que é a institución que ten competencias nesta estrada, non actuaba na estrada por máis que o demandaba a veciñanza e o concello de Vigo. Por iso hoxe síntome moi feliz, como presidenta da Deputación e viguesa, porque nuns meses este espazo quedará irrecoñecible”.

O alcalde de Vigo, pola súa banda insistiu en que “xa fai 35 anos que a cidadanía viña pedindo esta actuación e tivemos que esperar ata que Carmela Silva comezase a gobernar na Deputación para que este proxecto se fixese realidade”.

A actuación a desenvolver na estrada provincial, que foi adxudicada á empresa COVSA, consiste na renovación das redes de abastecemento (que nestes momentos conta con materiais obsoletos), de saneamento (polo alto índice de avarías) e de alumeado. Amais reordenaranse os espazos de xeito equilibrado, favorecendo a mobilidade da cidadanía e recuperando a rúa para a veciñanza.

Entre as novidades do proxecto da estrada provincial atópase a conexión entre a rúa Emilia Pardo Bazán coa avenida de Madrid a través de ramplas e escaleiras, a instalación de novas infraestruturas deportivas para crosstraining, o parque Alameda Andrés Grao e plataformas elevadas para a comunicación peonil entre estes dous equipamentos lúdico-deportivos. Tamén está previsto colocar unha placa-panel con referencias históricas de Emilia Pardo Bazán e a instalación de 94 árbores e xardineiras.