Arrincou en Santiago o V Encontro de Profesores e Estudantes de Catalán no Exterior

O secretario xeral de Cultura dálles a benvida aos participantes e lembra a importancia de contar cunha oferta académica no exterior para reforzar a proxección internacional e o prestixio da lingua e da cultura galegas e catalás
Publicado por o día 05/04/2017 na sección de Cultura,Educación,Galicia,Santiago,Vigo,Xunta de Galicia

Arrincou en Santiago o V Encontro de Profesores e Estudantes de Catalán no Exterior

A capital de Galicia convértese desde onte e ata o 7 de abril no primeiro escenario da península Ibérica no que se realiza o Encontro Internacional de Profesores e de Estudantes de Catalán no Exterior, unha iniciativa que se enmarca na rede universitaria Ramon Llull de estudos cataláns no exterior.

A quinta edición do encontro, organizado pola Área de Filoloxía Catalá da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Xunta de Galicia, conta coa participación dunha trintena de estudantes e profesores procedentes de seis países europeos, que asistiron esta tarde ao acto de apertura da programación de actividades.

A capital de Galicia, un punto de encontro de culturas

Durante a presentación, o secretario xeral de Cultura deulles a benvida a Santiago de Compostela, “punto de encontro multicultural e internacional de referencia na súa condición de meta da ruta xacobea”, ao que se referiu como “un escenario propicio para favorecer o intercambio de experiencias, o diálogo e a convivencia entre persoas que estades a estudar, e tamén a ensinar, catalán en moi diferentes países”.

Con estes obxectivos, a Área de Filoloxía Catalá da Universidade de Santiago de Compostela preparou “unha programación ampla e diversa que combina propostas académicas con actividades de carácter máis lúdico e cultural, que, ao mesmo tempo, vos van permitir tamén achegarvos á lingua e á cultura galegas”, afirmou Anxo Lorenzo, que interveu no acto inaugural xunto co vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto López López; coa decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; o director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás Escáneo; e a profesora Maria Mercè López Casas, da Área de Filoloxía Catalá.

Estudos de catalán e de galego no exterior

Coma o catalán –coa rede de universidades Ramon Llull, da que forma parte a USC–, o galego tamén está presente en diferentes universidades de todo o mundo a través dos Centros de Estudos Galegos. Nese sentido, Anxo Lorenzo asegurou que “para a o catalán, e tamén para a lingua e a cultura galegas, contar cunha oferta de estudos no exterior é imprescindible para reforzar a proxección internacional e o prestixio dos dous idiomas, como tamén o é a colaboración institucional entre os gobernos autonómicos con lingua propia”.

A este respecto, fixo referencia á recente incorporación dos gobernos navarro e valenciano ao protocolo de colaboración en materia de política lingüística, logo da aceptación dos membros actuais –a Xunta de Galicia, a Generalitat de Cataluña e os gobernos vasco e balear– na reunión da comisión de seguimento que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela.

Os responsables de Política Lingüística de Valencia e de Cataluña, Rubén Trenzano e Ester Franquesa, respectivamente, que tamén asistiron ao acto de apertura do encontro, participaron na mesa redonda ‘Sociedade, cohesión e normalización: actualidade e retos de futuro para o catalán’, coa que abriu a programación.

Ao longo destes días, o encontro ofrecerá diversas actividades académicas (conferencias, talleres e mesas redondas) e lúdico culturais (visitas pola cidade e o entorno, excursións, exposicións, etc.). Estas propostas acompáñanse cunha exposición na biblioteca da Facultade de Filoloxía con obras de autores galegos traducidos ao catalán, cedidos polos propios escritores, iniciativa que partiu e contou coa colaboración de Suso de Toro.