Arriva Galicia dona 9.600 euros a COGAMI para apoiar a mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero

Trátase do 5% da recadación dos billetes de autobús expedidos durante a semana comprendida entre os días 11 e 17 de decembro
Por o 29/01/2018 | Sección: Social
Arriva Galicia dona 9.600 euros a COGAMI para apoiar a mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero

A empresa de transporte Arriva Galicia doa 9.671,60€ á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para desenvolver proxectos de apoio a mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero. Esta colaboración enmárcase no convenio asinado en novembro por representantes de Arriva e COGAMI que derivou na realización da “Semana Solidaria de Arriva Galicia”, que tivo lugar entre o 11 e o 17 de decembro. Así, Arriva Galicia doou o 5% de la recadación dos billetes de autobús expedidos durante ese período a COGAMI. Esta mañá, na sede de COGAMI, Juan Gómez Piña, director xeral de Arriva Galicia, fixo entrega do cheque simbólico a Anxo Queiruga, presidente de COGAMI.

Juan Gómez Piña afirmou que este é “un paso máis na colaboración que Arriva Galicia mantén con COGAMI e no compromiso da compañía coas persoas con discapacidade e os colectivos que se atopan nunha situación de vulnerabilidade maior”. Pola súa parte, Anxo Queiruga, apuntou que “esta aportación vai servir para que COGAMI continúe cos programas de apoio ás mulleres que viven situacións de violencia e sobre todo, para previr estas situacións”.

A cantidade recadada durante a “Semana solidaria de Arriva Galicia” destinarase a accións desenvolvidas por COGAMI que contribúen á mellora das mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero. E é que, segundo datos que manexa COGAMI, das máis de 500 mulleres con discapacidade que participaron nos seus programas, o 80% foron vítimas de violencia. COGAMI leva máis de 15 anos traballando de maneira específica en aspectos relacionados coa violencia e as mulleres con discapacidade, e loitando pola visibilidade desta lacra social.

O cheque que entrega ARRIVA a COGAMI vai ser investido en proxectos que defenderán a igualdade efectiva das mulleres con discapacidade galegas dende unha perspectiva dos dereitos humanos, facendo especial fincapé nos principios de non discriminación, igualdade de oportunidades, inclusión na comunidade, vida independente e acción positiva. A importancia destas accións é que son destinadas ao empoderamento das propias mulleres con discapacidade, para tratar de eliminar a violencia contra as mulleres na vida pública e privada, e tratar de eliminar todas as formas de acoso sexual, a explotación e trata de mulleres, entre outras.

Esta colaboración que ofrece Arriva Galicia é unha ferramenta de grande importancia para abordar desigualdades e para visibilizar calquera maneira de violencia en contra das mulleres con discapacidade. Ademais, este acordo permitirá a continuidade das accións lanzadas por COGAMI para traballar na prevención e no tratamento de casos de violencia, para que as mulleres poidan ter unha mellora na súa calidade de vida.

Arriva Galicia e COGAMI xa teñen colaborado en anteriores ocasións. Así, en 2015 asinaron un acordo para fomentar a integración laboral de persoas con discapacidade, que incluía un plan de actuación conxunta para sensibilizar e asesorar a condutores y persoal da compañía, a realización de prácticas de persoas con discapacidade na empresa, etc.

Sobre Arriva Galicia

Arriva opera en Galicia dende 1999. Con sede en A Coruña, é a principal provedora de servizos de autobús no norte de Galicia, onde transporta en torno a 5 millóns de pasaxeiros cada ano. Conta cun cadro de persoal de 290 persoas traballadoras e unha flota de 220 vehículos para servir ás principais poboacións das provincias de A Coruña w Lugo. Ademais do transporte interurbano, tamén é un dos principais operadores de transporte escolar e ofrece outros servizos discrecionais (turísticos, empresas, a demanda, etc.).

Arriva Galicia está integrada no Grupo Arriva, cun equipo que en España supera as 1.000 persoas empregadas, principalmente en Galicia, Madrid e Mallorca. Arriva, que forma parte da compañía Deutsche Bahn, é o maior operador de servizos de transporte público de Europa, onde conta con 60.000 persoas empregadas e opera en 14 países da UE.

Sobre COGAMI

COGAMI www.cogami.gal é unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de utilidade

pública e constituída por máis de 50 asociacións e delegacións de entidades de persoas con discapacidade física e orgánica de Galicia. Presta servizos ás persoas con discapacidade e xestiona directamente 11 iniciativas empresariais de economía social que empregan a máis de 800 persoas.

A nivel autonómico, COGAMI é unha das fundadoras do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) e tamén da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia). A nivel estatal, forma parte de COCEMFE (Confederación Coordinadora Estatal de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica de España).

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.