O artista C215 expón «Sobre todo, los objetos», que se inaugura hoxe na Sede Afundación de Vigo

Unha iniciativa da Alianza Francesa de Vigo que contou coa colaboración de Afundación e a entidade cultural Contemporánea.
Publicado por o día 06/10/2016 na sección de Cultura

O artista C215 expón «Sobre todo, los objetos»,  que se inaugura hoxe na Sede Afundación de  Vigo

A Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 24-26) acolle a partir de hoxe, día 6 de outubro, ás 20.00 h, a mostra «Sobre todo, los objetos» do artista de arte urbano C215 que está, ademais, auspiciada pola Alianza francesa de Vigo. Acudirán o artista creador da mostra, Christian Guémy; o comisario, Mario Martín Parejo; a presidenta da Alianza Francesa de Vigo, Josette Ouanhnon; a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano; e o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez Escudero. Esta iniciativa estará aberta ao público ata o vindeiro 29 de outubro. A exposición, comisariada por Mario Martín Pareja, está composta por máis dunha trintena de pezas orixinais realizadas sobre todo tipo de soportes co obxectivo de embelecer aquelas paisaxes urbanas que se atopan deterioradas polo paso do tempo. Ademais, na rolda de prensa desta mañá, o artista realizou cinco intervencións ad hoc na propia que son xa parte da mostra.

O ARTISTA E A MOSTRA

C215 é o nome artístico do francés Christian Guémy (1973), que foi catalogado polos expertos como «a resposta francesa a Bansky». A súa obra está composta principalmente de retratos a colectivos en risco de exclusión social como persoas sen fogar, mendigos, nenos da rúa, maiores ou refuxiados, dotando a súa obra dunha forte carga simbólica. En palabras do propio Guémy «detrás dos retratos a cuestión é sempre a liberdade e a dignidade na faciana da vida cotiá». O seu estilo evolucionou da dicotomía branco e negro cara a unha maior colorística a base tanto de patróns coma de debuxos a man alzada. Ademais do seu traballo na rúa, C215, produce obras de arte para galerías comerciais, colaborou co videoxogo «Far Cry 4» e a súa sinatura está  estampada nos muros de cidades coma Barcelona, Roma, Amsterdam, São Paulo ou Xerusalén.

«Sobre todo, los objetos» é unha proposta individual de arte urbana que captura a humanidade a través dunha técnica que produce unha iluminación impresionista da personaxe retratada. Trátase, tal e como indica o nome da exposición, de obxectos atopados a través dos cales C215 procura deixar pegada.