A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo acaba de abrir un concurso público para a contratación da cuarta edición do seu “Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest”, que en 2020 celebrarase novamente nos Xardíns de Elduayen, durante os días 9, 10, 11 e 12 de xullo.
A data límite de presentación de ofertas é o 9 de decembro ás 18.00 horas.
O “Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest” é unha celebración anual que conecta a diversión na nosa cidade coa súa actividade económica máis emblemática, a pesca. Hoxe en día converteuse nunha cita de referencia no ámbito gastronómico, que promociona os produtos das nosas frotas pesqueiras e que reúne a máis de 120.000 persoas na área dos xardíns de Elduayen.
O “Vigo SeaFest” veuse celebrando con éxito nas súas tres edicións anteriores ao conxugar a cociña de autor co peixe que capturan as frotas da Cooperativa como alimento estrela, con música, actividades náuticas, talleres infantís, xunto con diversas presentacións e showcookings, desde o ronqueo do atún á preparación dun bo café.
A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo tamén lle outorgou moita relevancia, de acordo á importancia que ten, ao aspecto da sustentabilidade e do medio ambiente, organizando no propio festival talleres infantís que teñen por obxectivo mostrar aos nosos nenos, de forma didáctica e interactiva, que poden facer os pescadores e a poboación en xeral para contribuír á conservación e mellora do medio ambiente.
Cabe destacar que o “Vigo SeaFest” contou nas súas edicións anteriores coa colaboración e o patrocinio do Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a Consellería do Mar, a Axencia Europea de Control da Pesca, o Consorcio da Zona Franca, ademais de empresas, organismos e entidades asociativas varias. Destaca, así mesmo, a colaboración que Estrela Galicia e ABANCA tiveron e terán a recado con ARVI para o desenvolvemento da próxima edición deste festival.
Os organizadores confían en que en 2020 os vigueses seguirán degustando os produtos pesqueiros de cociña de autor que se poderán consumir a prezos populares, preparados por chefs de coñecidos restaurantes da cidade e de Galicia, ademais doutras exquisiteces gastronómicas ofrecidas por recoñecidos profesionais da restauración.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.