As accións formativas e de orientación do programa Galitex permitiron a recualificación laboral dos participantes

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asistiu esta mañá en Ordes a un novo encontro cos participantes no proxecto Galitex, no que se están realizando obradoiros de arte flroral e repostería
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Emprego

As accións formativas e de orientación do programa Galitex permitiron a recualificación laboral dos participantes

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asistiu esta mañá ao encontro celebrado en Ordes cos participantes no proxecto Galitex, unha iniciativa da Xunta e aprobada pola Unión Europea para a reinserción laboral das persoas afectadas polo desemprego no sector téxtil desta comarca.

A secretaria xeral, aproveitou a súa visita aos obradoiros que se están realizando de arte floral e repostería para asistir ao encontro no que as cociñeiras Lucía Freitas e Megu Ramil compartiron cos participantes as súas experiencias profesionais e persoas no eido da restauración. Durante o acto informou que desde a posta en marcha do proxecto, en setembro de 2017, das 136 persoas participantes, o 46% xa está traballando -o 65% fóra do sector téxtil-.

No marco desta iniciativa, ofreceuse acompañamento aos usuarios a través de orientación, asesoramento e tamén accións formativas, tanto no eido da adquisición de competencias básicas como transversais; así como para a especialización dentro do sector e para a recualificación profesional fóra desta industria. O obxectivo era mellorar a súa empregabilidade a través dunha formación de calidade adaptada ás necesidades do mercado laboral. Neste sentido, o 80% das persoas participantes realizaron algunha das accións propostas.

A secretaria xeral destacou a aposta que a Xunta está realizando por ofrecer unha formación de calidade e adaptada tanto ás esixencias reais do mercado e das empresas, como ás necesidades reais dos concellos nos que se imparten cursos. Así mesmo búscanse fórmulas duais nas que se conxugue a formación cunha oportunidade laboral.

Así, o Goberno autonómico destina este ano 145 millóns de euros a iniciativas de formación e orientación, con especial fincapé na mellora da cualificación das persoas desempregadas, como son os cursos para persoas sen emprego, os Programas Integrais de Emprego ou as Unidades Formativas en Empresas para desempregados.