As ambulancias medicalizadas do 061 de Galicia atenderon preto de 268.000 persoas nos seus vinte anos de actividade

A súa implantación supuxo un cambio no modelo da asistencia ás urxencias e emerxencias na comunidade autónoma.
Publicado por o día 02/07/2017 na sección de Galicia,Sanidad,Xunta de Galicia

As ambulancias medicalizadas do 061 de Galicia atenderon preto de 268.000 persoas nos seus vinte anos de actividade

As ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado que forman parte da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia-061 atenderon a máis de 267.900 persoas desde que comezaron a prestar asistencia ás emerxencias sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia, hai agora vinte anos.

Co gallo desta celebración, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou que a implantación destas unidades supuxo achegar os recursos sanitarios máis avanzados aos doentes. Isto permitiu modificar a asistencia e prognóstico de enfermidades como a morte súbita de orixe cardíaco ou a síndrome coronaria aguda, que na actualidade presentan resultados comparables aos sistemas sanitarios máis avanzados do mundo. Este feito é especialmente destacable, observou, se se ten en conta a complexidade da asistencia en Galicia, derivada da súa orografía e da súa dispersión xeográfica.

Neste sentido, as unidades de soporte vital avanzado están á disposición de todos os galegos para calquera patoloxía que precise unha asistencia inmediata e eficiente, destacou o conselleiro. De feito, desde a súa implantación, o número de pacientes atendidos aumentou nun 56% entre os anos 1997 e 2016. Así, o número de persoas atendidas pasou de 13.457 no ano 1997 a 18.140 ao longo de 2016.

Do mesmo xeito, obsérvase un aumento no número de mobilizacións, xa que das 13.709 realizadas no ano 1997 pasouse a 19.039 en 2016, o que supón un incremento do 39%.

Respecto das patoloxías atendidas por estes recursos asistenciais, o pasado ano as máis habituais foron as alteracións da consciencia, co 29%; seguidas pola dor torácica, co 19%; os problemas respiratorios, co 9%; as convulsións, co 7%; e os accidentes de tráfico, cun 4% das asistencias.

Evolución do servizo

O 1 de xullo de 1997 a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 incorporou á súa rede de transporte sanitario urxente oito ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado con base nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Sanxenxo (esta última só durante a época estival). En 2005 foron incorporadas dúas unidades máis nas cidades da Coruña e Mos, ás que se sumou no ano 2010 a situada en Foz.

A día de hoxe, a rede de transporte sanitario urxente xestionada polo 061 está integrada por dous helicópteros sanitarios, once ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado e 106 ambulancias asistenciais de soporte vital básico, que garanten a prestación da asistencia sanitaria urxente na comunidade.

Segundo lembrou o conselleiro de Sanidade, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na comunidade galega as 24 horas, os 365 días do ano, é un dos servizos de asistencia sanitaria mellor valorados polos cidadáns.