A Mesa denuncia que as aseguradoras Liberty e Caser Seguros néganse a realizar contratos en galego

Nova vulneración dos dereitos lingüísticos no eido dos seguros ao negarse Liberty e Caser Seguros a facilitar documentación en galego según denuncia A Mesa.
Publicado por o día 07/12/2017 na sección de Sucesos

A Mesa denuncia que as aseguradoras Liberty e Caser Seguros néganse a realizar contratos en galego

Tan só unha semana despois de que Génesis anunciase que disporá de documentación en galego, tal e como lle obriga a lei, a Mesa volta rexistrar unha denuncia contra dúas aseguradoras. Neste caso  Liberty e Caser Seguros negáronlle a posibilidade de facer un contrato en lingua galega a un cliente, contrariando o que a lexislación vixente estipula. Esta denuncia foi realizada a través da Liña do Galego, servizo gratuíto para consultas, queixas e parabéns relacionadas cos dereitos lingüísticos.

O afectado solicitou expresamente o contrato de seguros en lingua galega, tal e como ten dereito por lei. Porén, ambas as dúas compañías negáronlle a posibilidade ao cliente de ter o seguro do vehículo en galego baixo a desculpa de “no emitimos ningún contrato ni documentación en esa lengua”.

Desde a entidade en defensa do galego, queremos rexeitar e denunciar este proceder claramente ilegal e sistemático, que as compañías de seguros realizan de maneira xeneralizada. Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, voltan infrinxir a lei sen que a Xunta actúe para protexer os consumidores e consumidoras”.

Maceira apuntou que “as aseguradoras vulneran a lexislación e as súas propias cláusulas cando lles convén sen ter ningún tipo de repercusión, é inadmisíbel”.

Desde a Mesa notificarémoslle a Liberty e Caser Seguros a obriga de cumprir co artigo 8 da Lei 50/1980, de contrato de seguro que especifica: “a póliza do contrato deberá redactarse, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalice. Se o tomador o solicita, deberá redactarse noutra lingua distinta, de conformidade coa Directiva 92/96, do Consello da Unión Europea, de 10 de novembro de 1992.”

Do mesmo xeito, exiximos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística actúe ante a flagrante e reiterada vulneración dos dereitos básicos das persoas aseguradas. “Non pode ser que en Galiza se pisen os dereitos dos galegos e galegas, se trate á lingua propia como un dialecto e a Xunta non faga o máis mínimo” engadiu Maceira.

Finalmente, “esta situación evidencia que a ILP que promovemos desde a Mesa para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, é máis necesaria que nunca” concluíu Maceira.