As asociacións guardesas manteñen unha nova xuntanza informativa sobre o futuro do porto da Guarda

A comisión de seguimento que reclama un futuro para o porto da Guarda informa aos representes das asociación sobre as súas xestións.
Publicado por o día 27/01/2020 na sección de A Guarda,Galicia

As asociacións guardesas manteñen unha nova xuntanza informativa sobre o futuro do porto da Guarda

Na xuntanza entre as asociacións que reclaman un futuro para o porto da Guarda, celebrada, o venres 24 de xaneiro, no antigo local da confraría de pescadores; O alcalde, Antonio Lomba, e os membros da comisión de seguimento (Confraría de Pescadores, Piuerio, ORPAGU E Alagua), informaron sobre o contido da reunión mantida en Santiago, o pasado 15 de xaneiro, coa Conselleira do Mar, Rosa Quintana e a Presidenta de Portos, Susana Lenguas.

O alcalde tomou a palabra para trasladar aos presentes a resposta ás demandas feitas na reunión entre a comisión de seguimento e as representantes da Xunta.

Como xa é coñecido as melloras que reclaman os veciños e veciñas da Guarda, (representados polas súas asociacións) en relación ao  porto, teñen que ver co uso mais intensivo da lámina de auga, tanto para profesionais como para actividades náutico deportivas. O principal obxectivo é recuperar a importancia que o porto tivo no pasado como motor económico da localidade.

A principal demanda que se propuxo na xuntanza mantida en Santiago foi a construción dun novo espigón ao sur do porto, que parta da zona do Baluerio e que remate por fora do espigón norte. Esta infraestrutura evitará a entrada dos mares que na actualidade fan impracticable o porto con mal tempo, permitirá o seu uso durante todo o ano e a dotación de servizos e infraestruturas de atraque.

O alcalde informou que as responsables da Xunta de Galicia entenderon ás demandas que lle trasladaron dende a Guarda e que se comprometeron a facer unha valoración da viabilidade técnica e económica en relación ao espigón sur.

As distintas intervencións dos asistentes á reunión resaltaron a importancia de manter esta reclamación da sociedade guardesa o tempo que faga falta para que esta obra se converta nunha realidade. Encargaron ao alcalde o seu seguimento e comprometéronse en ir traballando para concretar máis polo miúdo as súas demandas respecto do porto guardés, co obxectivo de poder asesorar, no seu momento, aos técnicos que redacten o proxecto do espigón sur.

A súa vez manifestaron a necesidade da construción do acceso sur do porto, cuxo proxecto foi redactado pola Deputación de Pontevedra e está pendente de informes sectoriais.

Por último trasladaron o seu desexo de que as responsables da Consellería do Mar e de Portos de Galicia visiten a Guarda, respondendo ao convite que a comisión de seguimento lles fixo na reunión mantida en Santiago.

Comentar noticia

Your email address will not be published.