As asociacións guardesas uniron forzas na II Mostra Asociativa

Publicado por o día 18/09/2018 na sección de A Guarda,Galicia

As asociacións guardesas uniron forzas na II Mostra Asociativa

A Alameda da Guarda foi o escenario o pasado sábado día 15 de setembro da celebración da segunda edición da Mostra Asociativa, un evento multicultural no que as asociacións da vila foron as protagonistas, dando a coñecer o seu traballo a todos os asistentes ao longo dunha gran xornada cargada de actividades e unha intensa programación para todas as idades.

O evento comezou sobre as 11:00h da mañá e ao longo do día as diferentes asociacións participantes foros explicando e ampliando información sobre o seu traballo a través dun “Espazo Radio”, onde puideron amosar aos asistentes como é o seu día a día, informacións de interese e tamén aproveitar para facer unha chamada á captación de socios.

Entre as actividades realizadas ao longo da xornada destacaron as actuacións musicais de Vento Mareiro, Na Revolta, Do Lusco ao Fusco, a Agrupación Musical da Guarda o Coro Arpegios Cantábile, Mordaza ou as exhibicións deportivas e de baile de Xamaraina, Club Deportivo Baixo Miño, A Guarda Hockey Liña, Sporting Guardés e Ballet Studio 88.

Tamén se contou con obradoiros, xogos, demostracións, unha exposición fotográfica, photocall, entre outras accións que encheron de público a Alameda da Guarda nesta xornada de convivencia asociativa e multicultural, que non pasou desapercibida e que congregou a moito público.

Unha xornada aberta á participación da cidadanía e que puxo de manifesto unha vez máis a importancia do asociacionismo, a colaboración e a implicación da sociedade en diferentes colectivos, para levar a cabo accións asociativas de interese xeral con diferentes temáticas e fins.

Dende o Concello da Guarda agradécese a asistencia dos colectivos participantes nesta segunda edición, tendo en mente xa a terceira edición para o vindeiro ano 2019.