As Asociacións LGTBI de Galicia reúnense coa Valedora do Pobo para facer fronte ó Discurso do Odio

Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Social

As Asociacións LGTBI de Galicia reúnense coa Valedora do Pobo para facer fronte ó Discurso do Odio

A raíz da publicación dun artigo editorial que apareceu en La Voz de Galicia a finais do verán, as asociación de colectivos LGTBI Arelas, Nós Mesmas, Les Coruña, Avante LGBT, ALAS A Coruña, Ultreia LGTBI, Amizando e Agrocuir da Ulloa, presentaron unha solicitude perante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, para que a institución tome medidas fronte discurso públicos que van alén da mera opinión.

O artigo en cuestión, titulado “Lo Trans” e asinado por José Francisco Sánchez Sánchez, que ocupa o cargo de Director de Comunicación e Formación do xornal ademais de ser profesor na Universidade de A Coruña, “amosa contidos tránsfobos e non pode ampararse no dereito á libre expresión cando o que nel se expón constitúe un exercicio de divulgación de información non contrastada coa clara intención de provocar actitudes de incomprensión, patoloxización e discriminación cara as persoas trans e ás súas familias”, afirman os colectivos.

A Valedora do Pobo ten autoridade independente para velar pola igualdade de trato e non discriminación en territorio galego, tanto no sector público como no privado. Pedíuselle que tomara as medidas pertinentes cara o xornal e mais o xornalista e que lles recorde as responsabilidades nas que incorren ao publicar este tipo de artigos que esparexen falsidades sobre un colectivo que un informe publicado pola propia Valeduría do Pobo en 2015 denuncia como fortemente discriminado. Os colectivos galegos piden ó xornal que no futuro se absteña da publicación de artigos que inciten á transfobia.

A Valedora do Pobo confirmou que o artigo entra dentro do que a lei recoñece como discurso de odio e anunciou que investigará o sucedido e tomará as resolucións precisas para garantir os dereitos de toda a cidadanía.