As axudas dinamización da lingua da deputación chegan este ano a 30 entidades da comarca de Vigo

A deputada María Ortega anunciou hoxe a resolución das subvencións para fomentar o galego en toda a provincia, cun reparto de 120.000 euros
Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

As axudas dinamización da lingua da deputación chegan este ano a 30 entidades da comarca de Vigo

Un total de 74 entidades sen ánimo de lucro veñen de ver aprobadas as súas axudas para actividades de dinamización da lingua galega na provincia de Pontevedra durante este ano 2019. Segundo explicou a deputada de Lingua María Ortega, na comarca de Vigo resultaron beneficiadas trinta entidades (ver anexo) con preto de 30.000 euros dos 120.000 euros totais da liña de achegas consignada para toda a provincia.

En concreto, foron 19 colectivos do concello de Vigo, cinco de Redondela, dous de Mos, e un de Gondomar, Baiona, Nigrán e O Porriño os que recibirán as achegas provinciais aprobadas hoxe en Xunta de Goberno. Amais, no resto da provincia foron beneficiarias 10 entidades da comarca de Pontevedra, outras 12 da comarca do Morrazo, sete na comarca do Salnés, seis no Condado-Paradandta e tres no Deza. Tamén conseguiron subvención a Federación de Libreiros de Galicia pola feira do libro de Pontevedra, e a Fundación Luis Tilve, para a publicación da obra ‘A casa del maestro de Pontevedra (1934-1936)’.

As axudas para a dinamización do galego pretenden impulsar e fomentar o uso do idioma en todos os ámbitos sociais da provincia mediante o apoio a actividades de entidades sen ánimo de lucro. Nas bases contemplouse financiamento de actividades en catro apartados: o fomento da creación e da difusión cultural en lingua galega -que incluía certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, e feiras e eventos que promocionen a creación en lingua galega-; sociolingüística e toponimia -referido a estudos e publicacións sobre sociolingüística-, e xornadas e publicación de recuperación da toponimia; fomento do emprego do galego no comercio e na industria -encamiñado a promover xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega-; e recoñecementos e distincións, no que se daba cabida a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración das Letras Galegas ou que recoñecesen o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.

Para a adxudicación das subvencións, as bases reguladoras contemplaban catro criterios: o orzamento total da actividade, cunha puntuación de ata 40 puntos; a adecuación da actividade ao interese provincial, con ata 25 puntos; a difusión da actividade, con ata 20 puntos; e a porcentaxe solicitada de financiamento, con ata 15 puntos.

Para solicitar estas axudas, as persoas físicas e xurídicas debían carecer de fins de lucro e desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra -aínda que excepcionalmente podían ser admitidas entidades de fóra da provincia se as actividades versaban sobre temas de interese para a mesma-. Non podían beneficiarse destas subvencións as ANPAS nin as asociacións que tiveran pendente de xustificar subvencións concedidas no exercicio anterior no mesmo programa.

As bases destacaban que estarían expresamente excluídas as actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación; os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realizan ao longo de todo o ano. Tamén se excluían as viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares, así como os gastos gastronómicos -agás cando gardasen relación directa coa actividade e fosen necesarios para o seu desenvolvemento-.

Neste exercicio 2019 quedaron fóra das axudas seis entidades solicitantes por non seren posibles beneficiarias segundo os criterios fixados, por solicitar axudas para eventos non subvencionables, por non atender aos requirimentos de documentación ou presentalos fóra de prazo ou incompletos.