As axudas pola seca constatan o desprezo da Xunta polo rural e condenan miles de granxas a unha ruína segura

O Sindicato Labrego Galego ofreceu onte, 3 de novembro, unha rolda de prensa en Ourense para valorar a orde publicada pola Xunta para paliar os danos da seca e explicar a dramática situación á que, pola falta de efectividade destas axudas, se terán que enfrontar miles de granxas na Galiza, especialmente na provincia de Ourense.
Publicado por o día 04/11/2017 na sección de Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

As axudas pola seca constatan o desprezo da Xunta polo rural e condenan miles de granxas a unha ruína segura

Compareceron diante dos medios de comunicación a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane; Bernardo Estévez, viticultor que ten unha pequena adega no Ribeiro e responsábel do Sector do Viño na organización agraria; e Samuel Formoso, gandeiro da parroquia de Gomareite (Vilar de Barrio) que cría vacas de carne co selo de Tenreira Galega Suprema.

A secretaria xeral do SLG comezou expresando a súa decepción por unhas axudas que “levabamos meses agardando” e que non serven para nada. Esta falta de efectividade das axudas foi corroborada tanto por Bernardo Estévez como por Samuel Formoso.

Bernardo Estévez: “Para que queremos un crédito se non o podemos pagar? Resistir así é imposible

Por exemplo, no sector vitícola, despois de sufrir abondosos danos coas xeadas e a sarabiada que en zonas do Ribeiro e Valdeorras ocasionaron danos entre o 60% e o 90%. Agora, coa seca, as producións tamén minguaron. Estamos a falar de centos de familias que, ou ben terán unha baixada forte de ingresos, ou ben non ingresarán nin un céntimo este ano. Cómpre ter en conta que, se unha familia vive só da viticultura tivo os seus últimos ingresos a finais de 2016 e, se este ano perdeu a colleita, non volverá ter ingresos, se todo vai ben, até finais de 2018. E a viña hai que mantela, repoñer as plantas que morreron por estas inclemencias, seguir cotizando á Seguridade Social… As axudas que nos ofrecen son créditos a través do Igape, pero ninguén nesta situación vai pedir un crédito que non vai poder afrontar; ou subvencionar infraestruturas para regar como cisternas ou balsas, totalmente inviables para o sector vitícola. “É imposible resistir así”, denunciou Bernardo Estévez. “Para que queremos créditos ou subvencións? Polo menos, que nos liberen de gastos como as á Seguridade Social, que nos axuden a repoñer e manter viñedo no período de maior dificultade. Para que queremos un crédito se non o podemos pagar? Ou na Xunta son extraterrestres e non se decatan do que pasa, ou realmente queren que abandonemos o rural”.

Samuel Formoso: “O desamparo das administracións non nos deixa outra saída máis que o abandono

Nos sectores gandeiros, o panorama non é mellor. Samuel Formoso explicou que hai moitas granxas que están a alimentar o gando coa herba que tiñan gardada para pasar o inverno, e que algunhas xa gastaron esas forraxes. No seu caso, tampouco serven de nada as axudas para a seca. “Eu non podo desprazarme cada día buscar unha cisterna de 3.000 litros de auga a dez quilómetros, que é o que consumen as miñas vacas nun día. Tamén subvencionan a construción de balsas. Pero, ¿para que queremos balsas se non hai auga? Se os pantanos secan, as balsas tamén”.

Por desgraza, a seca é só unha agresión máis para uns sectores agrogandeiros que camiñan no gume da navalla. Os ataques da fauna salvaxe, prezos para a carne baixos como de hai vinte anos con cotizacións de 4’60 € por quilo para a Tenreira Galega Suprema, reformas da Política Agraria Común (PAC) que minguan cada vez máis as axudas para soster a actividade, o desmantelamento de servizos públicos de sanidade, educación e transporte… “Eu vivía na cidade e apostei por vivir no rural. Sen embargo, hoxe estoulle aconsellando aos meus fillos o mesmo que me aconsellaron meus pais: que deixen o rural. É triste ter que dicirlle isto aos teus propios fillos, cando poderían ter aquí o seu medio de vida, pero o desamparo das diversas administracións non nos deixa outra saída máis que o abandono”, queixábase Samuel.