A mostra artística “Rompe. Xoga en Igualdade” chegou este xoves ao Auditorio de Soutomaior da man da Deputación de Pontevedra, enmarcada na campaña provincial “Sementando para a igualdade” que o goberno de Carmela Silva pon en marcha ao fío do 25 de novembro, Día Internacional contra as violencias machistas. A inauguración da mostra contou coa presenza da deputada provincial Olga García Ballesteros, xunto á concelleira de igualdade da vila, Cristina González, e as creadoras da exposición de “poesía visual”, as artistas Isabel Blanco e Irene Silva.
Esta mostra, que ten por obxectivo denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres, está protagonizada polas famosas bonecas “Barbie”, que foron intervidas, a través dunha serie de escenas que representan situacións que viven as mulleres na actualidade tales como a violencia machista, a prostitución, os ventres de aluguer, a ditadura da cosmética, o matrimonio infantil ou a muller floreiro entre outras.
A mostra, tal e como sinalou a deputada, ten por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres dende nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. As bonecas seleccionadas para a mostra foi a “Barbie” por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas dos nenos e nenas.
Trátase dunha exposición vangardista e rompedora para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende “romper” e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e home e do fin da discriminación e da violencia contra o 52% da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que “romper” e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.
A exposición estará aberta ao público en Soutomaior ata o 11 de decembro e poderá visitarse de luns a venres de 10.00h a 14.00h e os martes e xoves tamén de 16 a 20 horas. No presente ano, a mostra xa percorreu un total de 13 concellos, 12 deles da provincia de Pontevedra (Cangas, Pazos de Borbén, Baiona, Cambados, Ponte Caldelas, O Grove, A Guarda, Campo Lameiro, Vigo, O Rosal, Gondomar e Redondela) e, fóra dela, chegou á Deputación de Lugo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.