As bibliotecas e museos da Xunta reabren esta semana cunha recuperación progresiva dos distintos servizos presenciais

As bibliotecas inician mañá luns a súa actividade de lectura en sala e préstamos e devolución de materiais, que deberán pasar 14 días de corentena tras a entrega

As bibliotecas e museos xestionados pola Xunta de Galicia reinician esta semana a súa actividade presencial, coa apertura progresiva dos equipamentos en varias fases e a reincorporación do seu persoal. Farano a través dun protocolo específico que establece pautas e medidas de protección e hixiene co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria para traballadores e usuarios.

Os primeiros equipamentos en reabrir as súas portas serán as sete bibliotecas públicas da rede autonómica, que operarán a partir de mañá tras realizar na última semana as actuacións previas establecidas polo Ministerio de Sanidade. Trátase da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura; a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, a Biblioteca de Lugo, a de Ourense, a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago e a Biblioteca Juan Compañel de Vigo.

Esa volta á actividade producirase en tres fases. Na primeira procederase á apertura para as actividades de préstamo e devolución de materiais e lectura en sala. O préstamo farase baixo demanda e sen acceso directo aos fondos, polo que as obras serán solicitadas polos usuarios e proporcionadas polo persoal da biblioteca. Ao seren devoltos, os fondos deberán gardar unha corentena de 14 días. A lectura e consulta en sala só se permitirá naqueles fondos non susceptibles de préstamo a domicilio e respectando o límite dun terzo da capacidade da sala.

Clubs de lectura dixital

Na segunda fase potenciaranse os clubs de lectura dixital e as actividades de dinamización serán preferiblemente online, aínda que aquelas que poidan organizarse deberán garantir as medidas de seguridade precisas, limitando a capacidade das salas a un terzo e sen superar as 50 persoas.

Por último, na terceira fase, poderase acceder a todas as salas respectando as medidas de seguridade, mantendo prohibición de consulta directa polos usuarios. Os espazos comúns poderán empregarse ata un máximo da metade da súa capacidade respectando a distancia de seguridade e os usuarios poderán comezar a empregar os dispositivos electrónicos, ordenadores e medios informáticos do centro, que se limparán e desinfectarán tras cada uso.

Venda de entradas telemática

No que respecta aos museos, recuperarán a súa actividade o martes 19 de maio (dado que o luns é o seu día habitual de peche) tras unha semana de actuacións preparatorias. Tamén o farán en tres fases diferenciadas. Na primeira abrirán preservando un terzo da súa capacidade en cada un dos espazos e salas e sempre que sexa posible fomentarase a venda de entradas de xeito telemático.

O público non poderá tocar ningún elemento museográfico e as visitas realizaranse de xeito individual, permitindo unidades familiares ou de convivencia, pero non a reserva de grupos. Non haberá material de consulta libre e toda a documentación á que teñan que acceder os investigadores de forma presencial, e sempre que sexa imprescindible, gardará unha corentena de 10 días.

Transcorrido un período mínimo de dúas semanas dará comezo a segunda fase coa incorporación progresiva do persoal que determine o protocolo da Xunta para a volta ao traballo dos empregados públicos. E xa na terceira fase os museos poderán contar coa metade do seu aforo, mantendo os requisitos anteriormente sinalados.

Este protocolo será de aplicación no Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Massó de Bueu, o Museo Arqueolóxico de Ourense, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo Etnolóxico de Ribadavia e o Museo do VIño, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; a Casa Museo Camilo José Cela, o Museo Centro Gaiás e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Precisamente este luns celébrase o Día dos Museos cun amplo abano de actividades dixitais en liña que comezaron xa o venres pasado e que se enmarca na campaña #aculturasegue impulsada pola Xunta. Pode seguirse a través das súas redes sociais.

Máximo de 10 documentos

No que respecta aos arquivos, desde o pasado 4 de maio a Xunta traballou na realización das actuacións preliminares precisas para favorecer a volta á actividade. Desde entón, mantívose a atención telemática agás naqueles casos que fose absolutamente imprescindible, sempre con cita previa, e limitando a 10 os documentos ou unidades de instalación física por xornada de traballo. Toda a documentación ou materiais aos que acceden as persoas usuarias deben quedar en corentena de 10 días como mínimo nun espazo habilitado a tal fin antes de ser empregados de novo.

Así pois, este luns os arquivos inician tamén tres fases de recuperación progresiva da súa actividade. Na primeira comezará a traballar o persoal que determine o protocolo xeral da Xunta nas condicións establecidas. Cada instalación deberá ter xa dispoñibles os dispensadores de xel hidroalcohólico na entrada do centro, nos baños e nas salas. Na segunda fase, a consulta en sala estará limitada a un terzo da súa capacidade, garantindo a distancia interpersoal, e os materiais que precisen ser consultados serviranse baixo petición ao persoal do arquivo e a terceira fase completarase coa incorporación progresiva do persoal empregado público que fixe o protocolo da Xunta.

En concreto, son o Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña; o Arquivo de Galicia, no Gaiás, e os Arquivos Históricos Provinciais de Ourense, Pontevedra e Lugo.

Un total de 23 equipamentos

En total, a Xunta de Galicia xestione 23 equipamentos culturais repartidos por toda a Comunidade entre bibliotecas, museos e arquivos. Nos últimos días, cada centro directivo traballou nas actuacións necesarias para a reapertura seguindo as indicacións fixadas polo Goberno central no Boletín Oficial do Estado (BOE), o que se completa co protocolo autonómico aprobado polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop).

Nel recóllense, ademais, medidas para traballadores, usuarios e directrices de limpeza nas instalacións. Neste sentido, a Xunta facilitará ao persoal os medios e equipos de protección que se establezan obrigatorios e adaptará a disposición dos postos de traballo, establecendo distancias mínimas de dous metros entre persoal de mesas e mostradores. Pola súa banda, os usuarios deberán cumprir tamén estas medidas de hixiene e desinfectar as mans con solucións hidroalcólicas que se facilitarán no acceso ás distintas dotacións. Polo que respecta ás tarefas de limpeza, prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuente, como mostradores, pomos de portas, mesas, mobles ou pasamáns.

Poténcianse os recursos dixitais

Cómpre lembrar que, a raíz do confinamento, a Xunta está a potenciar os recursos dixitais culturais. Neste sentido, impulsou GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico, cuxo uso se disparou neste período. De feito, desde o inicio do estado de alarma, incrementou notablemente o seu número de usuarios (de 5.933 a 14.319) e o número de préstamos (de 14.921 a 41.500). Este sistema, que permite acceder a máis de 4.500 títulos, entre libros, revistas ou audiovisuais, seguirá ampliando os seus fondos no marco do Plan de Reactivación do sector cultural, para o que se adquirirán materiais procedentes de empresas editoras e audiovisuais galegas.

Igualmente, os museos ofrecen visitas virtuais a través do micrositio Galicia, na túa casa, que permite percorrer monumentos e espazos expositivos. Durante o estado de alarma, máis de 13.000 persoas accederon a esta opción, á que tamén se sumou a Cidade da Cultura a través da dixitalización da exposición Galicia, un relato no mundo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM