As boias do Observatorio RAIA convértense no banco de probas dunha nova pintura patente ecolóxica

Selektope é un novo concepto de recubrimento antiincrustante desenvolvido por una empresa sueca e identificado polo proxecto COLUMBUS, unha iniciativa do programa H2020 na que está a participar o Centro Tecnolóxico do Mar
Publicado por o día 17/10/2016 na sección de Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

As boias do Observatorio RAIA convértense no banco de probas dunha nova pintura patente ecolóxica

A Rede de Observación do Observatorio RAIA está a servir como plataforma de probas para comprobar a resposta de novas pinturas patente ecolóxicas fabricadas en Suecia no marco do proxecto europeo Selektope. Concretamente o casco da boia situada fronte ao litoral de Ribeira, que forma parte do conxunto de estacións desta rede de observación, foi recuberto con tres pinturas diferentes, dúas en fase de avaliación e outro produto antiincrustante comercial, o que permitirá comprobar os seus resultados.

Selektope é un novo concepto de recubrimento antifouling desenvolvido pola empresa sueca I-Tech con financiamento do programa de Competitividade e Innovación no Sétimo Programa Marco, e coa colaboración de investigadores da Universidade Tecnolóxica de Chalmers e a Universidade de Gothenburg.

Este produto, avaliado polo comité permanente europeo sobre produtos biocidas en xaneiro do presente ano, introduce un modo de acción de orixe farmacolóxico para combater a incrustación de invertebrados de orixe mariño, conseguindo un efecto repelente na superficie dos dispositivos somerxidos. A nova pintura consigue ser efectiva como antiincustrante, diminuíndo os efectos medioambientais ao reducir o uso do cobre.

Observatorio RAIA

A Rede Oceanometeorolóxica da Xunta de Galicia forma parte do Observatorio transfronteirizo RAIA e é xestionada conxuntamente por MeteoGalicia, Intecmar e CETMAR. Leva funcionando máis de dez anos e estivo cofinanciada polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP). O Observatorio RAIA aglutina as principais entidades da costa Atlántica da Península Ibérica con actividade relevante no campo da oceanografía operacional. Ten por misión proporcionar información fiable e útil sobre o estado do mar ás administracións públicas, empresas e cidadáns en xeral, así como promover o desenvolvemento de ferramentas e servizos para estes colectivos.

Proxecto COLUMBUS

Selektope é un dos resultados de investigación seleccionados no marco do proxecto H2020 COLUMBUS, destinado a identificar, recadar, monitorizar, xestionar e transferir o coñecemento xerado por proxectos europeos de investigación mariña ou marítima que poidan ser relevantes de cara ao cumprimento dos obxectivos da Axenda do Crecemento Azul (Axenda Blue Growth).

A Fundación CETMAR é unha das organizacións europeas cunha participación máis activa no proxecto COLUMBUS, asumindo unha dobre responsabilidade. Por unha banda, o Centro aborda o traballo de identificación, xestión e transferencia do coñecemento relevante para a aplicación de diferentes normativas comunitarias, liderando un nodo de competencia sobre gobernanza e xestión do medio mariño.

Por outra banda, a institución galega traballa no desenvolvemento e posta en práctica de metodoloxías que permitan transferir o coñecemento cun potencial de impacto máis elevado. Neste contexto é no que se identifica a oportunidade de probar un produto como Selektope en augas galegas e nun ámbito de aplicación que ata agora non se contemplara, como é o mercado das plataformas de observación oceanográfica, neste caso os da rede de observación da Xunta de Galicia.