As bolsas Ourense Exterior traen ao campus estudantes de mestrado de Brasil, Colombia e Uruguai

A iniciativa cobre as taxas de matrícula e dálles unha axuda de 3100 euros para gastos
Publicado por o día 04/11/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

As bolsas Ourense Exterior traen ao campus estudantes de mestrado de Brasil, Colombia e Uruguai

Froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense e co obxectivo de fomentar a internacionalización do campus de Ourense cada ano convócanse as Bolsas Ourense Exterior. Este curso académico son tres as e os estudantes de mestrado, procedentes de Brasil, Colombia e Uruguai, que xa están no campus grazas a esta iniciativa, cuxo beneficiarios teñen de balde as taxas de matrícula e reciben unha axuda de 3100 euros para gastos de viaxe e aloxamento.

Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, quixo esta semana darlle a benvida á Universidade de Vigo transmitíndolle o desexo dos promotores das bolsas de que teñan unha estadía proveitosa no campus de Ourense. As tres persoas beneficiarias pola súa banda coincidiron en destacarlle á vicerreitora o bo recibimento que tiveron nos seus respectivos mestrados e a súa satisfacción por como se está a desenvolver a súa vida académica estas primeiras semanas.

Dúas persoas en Ciencias Empresariais e Turismo

Dúas das persoas beneficiarias das bolsas están realizando mestrados da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Unha delas é María Florencia Fernández, orixinaria de Montevideo, Uruguai, que está a realizar o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte. Licenciada en Comunicación, soubo da convocatoria destas bolsas a través dun aviso da súa universidade. “Chamoume a atención porque meu pai vive en Vigo e visitárao varias veces. Mirei a bolsa e decidín pedila”, comenta a estudante. Entre a oferta de posgrao do campus de Ourense, apunta, decidiu solicitar o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte “porque se axustaba máis ao meu perfil xa que aborda temas de márketing e patrocinio desde un punto de vista moi innovador”. Despois dun mes e medio na cidade e coa docencia do mestrado xa iniciada, María Florencia Fernández subliña “a boa onda” que hai tanto na cidade coma no campus. “Gústame moito o estilo de vida de aquí; estou moi motivada no mestrado, que ten un profesorado de alto nivel e teño moi bos compañeiros, e estou moi cómoda no campus, onde participo das súas actividades, como o ximnasio”, resume a estudante.

No mesmo centro está Edwin Alonso Guiza, estudante colombiano procedente de Bogotá que está a realizar o Mestrado en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde. Licenciado en Contadoría Pública no seu país escolleu estes estudos de posgrao en Ourense pola “súa relación coa administración e o polo seu enfoque tan interesante”. A pesar de levar apenas tres semanas na cidade amosa a súa satisfacción por como está decorrendo a súa estadía e “a acollida tan amable” que tivo no campus. Del destaca especialmente “que é moi verde e moi aberto, moi diferente á universidade de onde procedo, onde todo é pechado. Aquí o acceso a todo é libre”. Edwin Alonso Guiza tamén salienta a flexibilidade do profesorado e ampla oferta de actividades complementarias, sobre todo deportivas, que hai no campus entre as cuestións que máis lle teñen chamado a atención na súa chegada ao campus.

Unha beneficiaria en Ciencias

Completa o panel de bolseiros e bolseiras Ourense Exterior deste curso académico a brasileira Ludmylla Moura Santos, que está a realizar o Mestrado en Nutrición na Facultade de Ciencias. “Para min é un soño estudar fóra de Brasil. Cando vin en Internet esta convocatoria vin unha oportunidade de cumprilo”, sinala a estudante procedente da cidade de Gioania. Graduada en Nutrición no seu país, apunta, “sempre tiven a vontade de facer un mestrado”, polo que se amosa moi satisfeita de ter acadado unha das bolsas Ourense Exterior. “Estou moi contenta. A xente e o lugar é moi agradable e acolledor. Para min está todo perfecto”, afirma a estudante. Moi satisfeita tamén por como se está a desenvolver o mestrado en Nutrición avanza xa como o seu obxectivo é facer ao seu remate un programa de doutoramento nesta mesma universidade.