As brigadas da Deputación realizan actuacións preventivas para garantir a seguranza viaria nas zonas con máis risco de xeadas e neve na provincia

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que está activado o protocolo por frío novamente
Publicado por o día 06/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

As brigadas da Deputación realizan actuacións preventivas para garantir a seguranza viaria nas zonas con máis risco de xeadas e neve na provincia

As brigadas de mantemento da rede viaria da Deputación de Pontevedra están a realizar actuacións preventivas para garantir a seguranza viaria nas zonas con máis risco de xeadas e neve na calzada. No día de hoxe os equipos de traballo esparexeron sal a primeira hora da mañá nas zonas de Deza Tabeirós, O Condado-A Paradanta e tamén no interior da provincia, sobre todo nos concellos da Lama e Fornelos de Montes. Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, está activado novamente o protocolo por frío, con toda a maquinaria provincial e o persoal a disposición.

De feito, durante esta fin de semana, aínda que a normalidade foi a tónica dominante, a brigada de garda da zona Norte (correspondente ao parque de Lalín) foi requirida polo 112 para actuar retirando neve das estradas Cachafeiro-Silleda e a Estrada-Forcarei ás 6 da mañá, estando a DXT no lugar para coordinar a incidencia.

Segundo insiste o deputado Benítez, o protocolo por frío e neve actívase de xeito automático sempre que existe unha previsión de baixada das temperaturas. Os percorridos preventivos das brigadas de mantemento e as actuacións por urxencia están estandarizados e os avisos de incidencias chegan dende o 112 ao Servizo de vixilancia provincial, que advirte ás brigadas da zona correspondente a calquera hora do día (están operativas 24 horas os 365 días do ano). Tamén se reciben chamadas de representantes municipais, policías locais e incluso veciñas e veciños afectados, que se unen ás incidencias detectadas polos propios servizos provinciais.