As brigadas de mantemento das estradas provinciais atenderon máis de medio milleiro de emerxencias durante 2016

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que nos últimos días estase a aplicar sal para previr accidentes polas xeadas.
Publicado por o día 01/01/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

As brigadas de mantemento das estradas provinciais atenderon máis de medio milleiro de emerxencias durante 2016

As brigadas de mantemento das estradas provinciais, dependentes da área de Mobilidade que xestiona o deputado Uxío Benítez, atenderon este ano 524 emerxencias nas vías de titularidade da Deputación de Pontevedra. O 2016 foi, en liñas xerais, un ano tranquilo salvo durante os meses de xaneiro e febreiro, nos que se acumularon 229 actuacións debido aos temporais de auga e chuvia que provocaron importantes inundacións e desperfectos. En calquera caso, o motivo principal das actuacións debeuse aos accidentes de tráfico.

O deputado de Mobilidade defendeu que o traballo das brigadas é fundamental para un correcto mantemento dos 1.700 quilómetros da rede de vías provinciais, algo que repercute directamente na seguranza viaria. “Un correcto mantemento das estradas e a actuación inmediata das brigadas para resolver incidentes é fundamental para garantir a seguranza viaria, un dos eixos de actuación do novo goberno da Deputación neste mandat”, subliñou.

Explicou, de feito, que nos últimos días nos que o frío está a crear capas de xeo nas estradas (sobre todo do interior da provincia) as brigadas están a realizar un labor preventivo a primeira hora das mañás aplicando sal, ademais de atender os avisos urxentes. “Queremos ir por diante dos problemas e non agardar a que chamen por emerxencias, porque entón é que xa ocorreu algo”, dixo Benítez, quen indicou que os concellos nos que xa se está a distribuír o sal son principalmente A Estrada, As Neves, Covelo, A Cañiza, A Lama, Fornelos de Montes, Cerdedo ou Forcarei, así como tamén Soutomaior e O Rosal.

O mes de 2016 con maior número de actuacións de emerxencia foi febreiro (ao igual que ocorrera en 2015), con 125 desprazamentos por emerxencias nas estradas provinciais, seguido de xaneiro (104). Con moita diferenza están os meses de novembro (45 actuacións), decembro (42 ata o venres 30) e marzo (37 emerxencias), para chegar a setembro, no que non se acadaron nin 20 avisos ao mes (12). O resto do ano o número de actuacións estivo entre 23 e 28 mensuais.

Os accidentes de tráfico, a principal causa 

A maior parte das actuacións das brigadas están relacionadas -en xeral- con accidentes, inundacións, desprendementos, fochancas, caídas de árbores, nevadas ou presenza de animais na calzada. Tamén se advirten e solucionan outros avisos por semáforos avariados, erros na sinalización, retirada de metais, postes caídos ou tapas de sumidoiros en mal estado. Neste 2016, o rexistro de incidencias revela que o maior número de actuacións debeuse a accidentes de tráfico (132 casos), que obrigaron ás brigadas a desplazarse ao lugar do sinistro para sinalizar o suceso, retirar elementos da calzada e baldear a vía no caso de que se derramaran líquidos.

O segundo motivo de actuación das brigadas por chamadas de emerxencia débese a desprendementos (83) que ocupaban a vía total ou parcialmente e que impedían o normal tránsito de vehículos. Nestes casos, sinalizáronse as caídas de elementos, retiráronse estes cando era posible, e estabilizáronse de urxencia os noiros, de ser o caso, para actuacións de consolidación posteriores.

Como terceira causa de actuación, recibíronse 70 avisos de caídas de árbores na calzada. Siguen os avisos por inundacións (61), fochancas (42), presenza de animais vivos ou mortos (39) e nevadas e xeo (48), ademais doutros varios. No caso das nevadas é de resaltar que as brigadas tiveron que actuar a primeiros do ano 2016 para retirar a neve do camiño de varias ambulancias medicalizadas que tiñan que trasladar a enfermos a diferentes centros sanitarios, tanto por urxencias como para recibir tratamentos como quimioterapia ou diálise.

Zonas da provincia

A zona Norte da provincia, á que dan servicio tres brigadas dos parques de Codeseda e Lalín, está formada polos concellos de Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces e chegou a 179 actuacións. O municipio da Estrada foi o que acumulou o maior número de intervencións de toda a provincia, con 42 emerxencias, xa que se trata tamén dun dos municipios con máis quilómetros de vías provinciais .

A zona Centro, formada polas vías dos concellos de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, O Grove, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova, superou as 112 actuacións, estando tamén atendida por tres brigadas con base en Pontevedra.

Finalmente, dúas brigadas da zona Sur atenden a maior extensión do territorio nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos. Nestas vías actuouse tamén en máis de 208 casos dende as bases de Gondomar e Ponteareas. Os concellos nos que menos incidencias se detectaron este 2016 están neste grupo: Tui e Vigo, que apenas precisaron dunha intervención en todo o ano, e As Neves, Fornelos, Mondariz Balneario e Salvaterra, con só dúas incidencias.

Atención 24 horas

O sistema de emerxencias nas estradas provinciais funciona 24 horas ao día 365 días ao ano. As alertas chegan ao servizo de Vixilancia da Deputación tanto a través da Policía Local do concello afectado, da Guardia Civil, de alcaldes, concelleiros ou de calquera veciño, así como tamén do servizo 112, que activa un protocolo de actuación propio.

Unha vez recollida a información polo servizo de Vixianza a Deputación (nome da estrada, punto quilométrico e causa da incidencia), esta transmítese á brigada máis próxima das oito que están repartidas pola provincia. Sempre hai brigadas en cada un dos centros operativos dispostas a saír e no caso de que haxa algunha alerta (mal tempo, lumes…) mantense outra brigada en retén.