As cancións de Susa Herrera coas súas comadres, mañá venres en Libros para Soñar

Publicado por o día 15/02/2018 na sección de Cultura,Eventos

As cancións de Susa Herrera coas súas comadres, mañá venres en Libros para Soñar

A profesora Susa Herrera e as súas “comadres”, Lara Expósito e Teresa Gómez, visitarán mañá venres ás 18:30 horas, a libraría LIBROS PARA SOÑAR para interpretar unha escolma de cancións
dos libro-discos “En Cabárceno se oye cantar”, “En Cabárceno se sigue cantando” e “Cantos animales”.

Trátase de material pedagóxico dirixido ao público infantil a partir de 4 anos que destaca por potenciar contidos musicalmente atractivos, impresos a toda cor, e que animan a cantar e a
bailar con sinxelas coreografías.

Experta en Expresión Musical, o seu traballo é unha ferramenta útil para docentes, mediadores, monitores de lecer e familias interesadas en practicar recursos vencellados á Educación Infantil e
Primaria. Nas tres propostas, Susa Herrera invita as nenas e os nenos a unha viaxe polos cinco continentes a través da súa fauna, con criaturas que invitan a mirar, pensar, sentir e aprender.

A importancia da educación musical, o desenvolvemento emocional e cultural dos máis novos, e a interacción coa contorna están no cerne do labor de Susa Herrera. Combinando palabra, imaxe,
música e movemento, a autora e intérprete válese do ritmo e das cancións para contar e cantar historias protagonizadas por animais, dun xeito lúdico, dinámico e participativo.