As cantigas de Martín Códax interprétanse este vernes no Gaiás tal e como soaban no medievo, para despedir o Pergamiño Vindel

O concerto corre a cargo da prestixiosa Ensemble Micrologus, unha das formacións de música antiga máis aclamadas na escena internacional
Por o 26/02/2018 | Sección: Cultura,Eventos
As cantigas de Martín Códax interprétanse este vernes no Gaiás tal e como soaban no medievo, para despedir o Pergamiño Vindel

A Cidade da Cultura de Galicia despide este venres, día 2, o Pergamiño Vindel —que regresa a Nova York tras exhibirse durante seis meses no Museo do Mar de Galicia en Vigo— cun concerto especial, de un dos grupos de música antiga máis aclamados da escena internacional, Ensemble Micrologus. A formación interpretará, con instrumentos realizados por luthiers que reproducen exactamente aos do medievo, seis das sete cantigas con melodía de Martín Códax do mesmo xeito que soarían se puidésemos escoitalas na época en que foron creadas. Para completar a actuación, a mestra de cerimonias, a poeta galega Dores Tembrás, recreará a única sen notación, pero á que lle porá musicalidade co seu recitado.

Procedente da Morgan Library & Museum de Nova York, este monumento literario chegou o 10 de outubro a Galicia para a súa exhibición pública, por vez primeira na historia, no marco dunha exposición promovida pola Xunta de Galicia e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul. E agora, aproximándose a data de clausura da mostra (4 de marzo), a Consellería de Cultura prepara o seu regreso cunha ampla programación cultural de despedida, á altura desta xoia literaria e musical da literatura galega.

Amplo repertorio medieval

Nestes actos inscríbese Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica no S. XIII, que recreará este venres, ás 20.30 horas, na Cidade da Cultura de Galicia o repertorio medieval profano, músicas compostas por Martín Códax, pero tamén por outros grandes autores coetáneos, trobadores da época, como Don Dinis ou Alfonso X, e músicas das que non conservamos o autor ou que xa forman parte do repertorio tradicional.

As Cantigas de Amigo en galego-portugués seguen a tradición dos trobadores franceses do séculos XII e XIII. A excepcionalidade das de Martín Códax é que chegaron a nós coa súa notación musical en 6 das 7 obras. Para suplir esta falta musicalna sexta cantiga, desta volta convidouse a poeta galega Dores Tembrás que a recreará sen música pero dotándoa de musicalidade co seu recitado.

Este concerto permitiralles ás persoas asistentes coñecer as novas formas de interpretar estes repertorios e actualizar a súa comprensión tanto no seu estilo como na forma de executalo, tanto a nivel vocal como instrumental. As entradas están á venda no Museo Centro Gaiás, en puntos físicos de Ataquilla e tamén a través da súa plataforma de venda online. Toda esta información está polo miúdo en cidadedacultura.gal.

Ensemble Micrologus

O Ensemble Micrologus (Asís, Italia) foi un dos primeiros grupos en promocionar e promover o redescubrimento da música medieval, tarefa que vén facendo desde 1984 a través de novas formas interpretativas que axudaron a esta música a ser cada vez máis apreciada por un público crecente.

Ensemble Micrologus basea a súa actividade na investigación e estudo de fontes directas (históricas, paleográficas, organolóxicas e inconográficas) para establecer hipóteses certeiras de como sería a interpretación da música medieval e a súa estética, o que acaba convertendo as súas interpretacións en únicas, achegándose máis ao que podería ser unha festa medieval. Ademais, tratan, na medida do posible, que os seus concertos teñan lugar en escenarios orixinais recuperando e fornecendo a razón pola que esas músicas foron creadas.

Dende a súa creación, a mediados da década dos 80, a agrupación ten realizado concertos en Italia, Francia, Alemaña, Austria, Hungría, República Checa, España, Portugal, Holanda, Bélxica, Suíza, Eslovenia, Polonia e O Xapón. Son parte esencial do laboratorio de ‘Música, Arte e Concerto de Asís’ e formaron parte do ‘Studi Ars Nova’ de Certaldo, onde tiveron a oportunidade de compartir as súas teorías cos musicólogos máis prestixiosos do momento.

Dores Tembrás

Dores Tembrás (Bergondo, 1979) é doutora en Filoloxía pola UDC e especialista na obra da poeta Alejandra Pizarnik. En 2009 publicou o seu primeiro poemario O pouso do fume; en 2012 O peizoque Roque; e en 2013 faise co galardón Premio de Poesía Concello de Carral, coa obra Cronoloxía da urxencia, que se publica en 2014 no selo Espiral Maior. A súa obra aparece recollida en diversas antoloxías e obras colectivas.

Pergamiño Vindel, unha xoia literaria e musical

Os sete poemas de Martín Códax que contén o manuscrito, acompañados seis deles da súa correspondente notación musical, achegan unha valiosa luz para comprender o esplendor da lírica medieval galego-portuguesa.

Trátase do único exemplo conservado da nosa tradición trobadoresca que transmite cantigas de amigos coa súa melodía, ademais de ser o vestixio máis antigo deste tipo de composicións líricas. Por iso, a pesar do riquísimo acervo recibido, poucos fitos literarios acadan a relevancia destes textos medievais.

O Museo do Mar de Galicia exhíbeo desde o pasado 10 de outubro baixo o proxecto expositivo Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas. Dividida en sete partes, cada unha inspirada nunha das sete cantigas, a exposición ten como eixo central o manuscrito, que se acompaña de pezas medievais (esculturas, documentos, elementos arqueolóxicos…) en diálogo con obras contemporáneas nacidas baixo a inspiración do mundo poético de Martín Códax e do propio mar de Vigo.
Unha ampla programación divulgativa de conferencias, concertos e outras actividades completaron durante estes seis meses esta celebración de sete séculos de historia trazados neste pergamiño que hai cen anos descubría na encadernación dun vello códice o libreiro Pedro Vindel e que en outubro de 2017 chegou, por fin, á beira do mar que supostamente o viu nacer.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.